Como o ave fénix, o Peixe Galego renace por enésima vez das súas cinzas. Despois do seu primeiro e histórico ascenso a LEB Oro, o equipo caeu directamente a liga EBA por problemas administrativos para regresar en só dous anos á antesala da ACB. A historia repetiuse e o equipo volveu caer, pero esta vez a categoría autonómica.
Sen presión pero sen renunciar a repetir o milagre, a escuadra morracense inicia a súa escalada. O curso pasado asinaron un impecable ascenso a liga EBA e a directiva atópase agora inmersa na confección dun equipo que non coñece límites.
A primeira peza do novo proxecto é Pablo Castro, o escolta formado na canteira peixiña foi un dos artífices do ascenso cunha media de 9,5 puntos por partido. Para o novo curso preséntase como unha das referencias do xogo ofensivo do Peixe, que nas próximas datas continuará anunciando renovacións e fichaxes para alimentar o soño dunha nova xesta.