O Peixe Galego e o resto de clubs de LEB Ouro negocian como terminar a liga

Marín
15 de abril 2020

Os equipos mantiveron un encontro virtual cos responsables de competición da Federación Española. Os marinenses son partidarios da suspensión definitiva da competición, pero polo momento non se chegou a un punto de encontro

Romone Saunders, no partido entre Peixe Galego e Huesca Diego Torrado

Os protagonistas da Liga LEB Ouro, paralizada indefinidamente pola crise sanitaria do coronavirus, sentaron a negociar cal é a mellor maneira de terminar a tempada.

O Peixe Galego, xunto aos demais 17 clubs que compoñen a segunda categoría do baloncesto nacional, mantiveron este mércores un encontro virtual cos responsables de competición da Federación Española (FEB), no que a orde do día era tratar o futuro da competición.

Con todo neste primeiro encontro non se chegou a un acordo debido ás "diferentes posicións existentes tanto entre os clubs implicados como coa Federación", sinalou a FEB nun comunicado.

O cadro marinense é dos que defende a suspensión definitiva da competición ante o prexuízo económico que supoñería prorrogar os contratos do plantel. Sobre a mesa estaba tamén a medida anunciada por outras federacións de conxelar os descensos de categoría, un extremo que beneficiaría aos da Raña pero que non está decidido.

Ante estas posicións contrarias, a Federación e os clubs fixaron un calendario de próximas reunións nas que tentar pechar un "acordo maioritario que permita resolver a tempada de forma satisfactoria para todos os estamentos do baloncesto español implicados nela", sinala o organismo reitor do baloncesto nacional.