O Peixe Galego dobra a súa aposta e formaliza a inscrición dun equipo na Liga Feminina 2

Marín
22 de xuño 2020

A entidade marinense abonou este luns os 5.000 euros esixidos pola Federación Española de Baloncesto para optar a unha das prazas de LF2 dentro do proceso de ampliación da segunda categoría do baloncesto feminino nacional

Equipo feminino do Marín Peixe Galego
Equipo feminino do Marín Peixe Galego

Marín está a un paso de poder gozar da Liga Feminina 2 de baloncesto, a categoría de prata a nivel nacional.

O Peixe Galego, a través da súa canteira e nos últimos anos como sede en varias ocasións de campionatos de España, tiña entre cella e cella seguir crecendo completando a súa estrutura feminina e agora, a pesar da incerteza provocada polo coronavirus, decidiu redobrar a súa aposta.

A entidade marinense realizou este luns o pago de 5.000 euros esixido pola Federación Española de Baloncesto (FEB) como requisito financeiro para optar a unha das prazas de Liga Feminina 2 dentro do proceso de ampliación da competición que se está desenvolvendo para a próxima tempada (2020/2021), pasando a contar con 3 grupos de 14 equipos.

"O club pretende dar continuidade desta maneira á súa aposta decida polo baloncesto feminino, que se traduciu nas últimas tempadas na creación de conxuntos femininos en todas as categorías, incluída a sénior",  expican desde o Peixe.

Agora a proposta do Peixe Galego está en mans da FEB, que entre outros aspectos terá en conta as propostas de clubs que xa contaban con equipo en Primeira Nacional, a calidade das instalacións, a estrutura de base ou a presenza doutros equipos da zona, ademais do apoio institucional ou masa social.

No caso de que a preinscrición marinense sexa aceptada, a entidade deberá desembolsar 13.500 euros en concepto de aval e 2.000 máis como inscrición.

Se sae adiante, o Peixe Galego unirase desta forma na Liga Feminina 2 a outro equipos da comarca como o Arxil pontevedrés ou o Cortegada de Vilagarcía, con ampla experiencia na categoría.

En canto ao conxunto masculino, con dereito deportivo a volver saír na liga LEB Ouro, por  tecera vez na súa historia, desde a directiva dos da Raña aseguran que están a traballar na procura dos recursos económicos necesarios para dar viabilidade ao proxecto.