O Peixe é superior no choque directo ante o Básquet Girona na Raña (82-72)

Marín
13 de abril 2019

Unha primeira parte impecable por parte dos pontevedreses permítelles chegar ao final do partido con superioridade, dificultando aos cataláns a remontada

Partido entre o Peixe e o Básquet Girona na Raña Diego Torrado

O Peixe recibiu esta fin de semana ao Básquet Girona, que chegou á Raña na mesma situación que os galegos. Para desgraza dos cataláns, os de Llorente non estaban dispostos a regalar nada e comezaron o partido co obxectivo, non só de mellorar a súa situación a falta de catro xornadas para a finalización do curso, senón tamén de repetir vitoria (gañaron o pasado mes de marzo en Cataluña). E así o fixeron, manténdose, así, con vida nos play-off.

Os pontevedreses foron notablemente superiores durante os primeiros 20 minutos do choque. Aínda que comezaron puntuando os visitantes, enseguida conseguiron, non só igualar, senón tamén poñerse por diante. Ao final do primeiro cuarto, xa contaban cunha esperanzadora vantaxe (27-13). E a dinámica mantívose durante os seguintes dez minutos. Apoiados, unha vez máis, en Gregory, lograron irse ao descanso cun cómodo 50-34.

Coa reanudación, continuou a superioridade local. Polo menos durante o primeiro cuarto. Con todo, diferentes erros cometidos por estes, no bloque defensivo, sumados á maior intensidade do xogo dos cataláns, que foron aos poucos recortando distancias, supuxeron un pequeno lastre para os primeiros. 

O período final foi totalmente distinto. Os do Girona, favorecidos polo acerto de cara a canastra de Bolton, Costa e Trías, conseguiron chegar aos últimos minutos do encontro cun resultado moi distinto ao esperado nun principio. A vantaxe do cadro anfitrión era cada vez menos cómoda e, aínda que os visitantes lograron un parcial de 15-26, non fixeron unha remontada suficientemente ampla como para superalo, ofrecendo aos de Javi Llorente un importante triunfo (82-72).

Cunha vitoria máis no peto, o Peixe viaxará a próxima semana a Albacete para medirse, nesta ocasión en domingo, ao CB Almansa, equipo perigoso nesta segunda fase de liga, que derrotou aos pontevedreses o pasado mes de marzo.

Consulta as estatísticas do Peixe-Básquet Navarra.