O Ourense Envialia visita un Poio Pescamar metido de cheo na persecución polo liderado

Marín
21 de abril 2023

As vermellas xogan o domingo ás 12 na Seca, mentres que o Marín Futsal viaxa á Coruña para enfrontarse o sábado ás 18 horas ao Viaxes Amarelle nun duelo directo pola permanencia en Primeira División

Partido entre Marín Futsal e Melilla na Raña Cristina Saiz

Cinco xornadas restan para a conclusión da fase regular na Primeira División feminina de fútbol sala e a batalla polo liderado non pode estar máis aberta. Un punto separa ao Poio Pescamar e ao Atlético Navalcarnero. Mentres que o líder afronta un sencillo enfrontamento en casa contra o pechacancelas, as vermellas deberán empregarse a fondo no derbi autonómico fronte ao Ourense Envialia previsto para este domingo ás 12 horas na Seca. 

Co obxectivo de manter o pulso ata o final, o conxunto conserveiro lanzou unha promoción especial para encher a bancada da Seca e contar co ánimo da súa inchada para que as xogadoras dean un esforzo extra que poida facer realidade a xesta de conseguir acabar a liga en primeira posición.

Para os tres partidos de liga que queda ao Poio Pescamar na súa cancha, cada socio terá dereito a levar gratis a dous acompañantes a cada partido. Así mesmo, os menores de 16 anos poderán entrar gratis e poñen á venda por cinco euros un pase para os tres próximos partidos.

A pesar da regularidade mostrada polas de Luís López ao longo de toda a tempada, as vermellas non poden confiarse porque o Ourense Envialia venderá moi cara a súa derrota. As da cidade das Burgas teñen xa a permanencia asegurada na máxima categoría pero acumulan seis xornadas sen gañar, con catro empates e dúas derrotas, polo que tratarán de poñer fin dunha vez por todas a esta mala serie.

Esta vixésimo sexta xornada ofrece outro derbi galego este sábado ás 18 horas, o que enfrontará na Coruña ao Viaxes Amarelle e Marín Futsal nun enfrontamento decisivo pola permanencia. As da Raña certificarán unha permanencia que teñen encarrilada con tres puntos, mentres que as locais precisan unha vitoria para fuxir dos postos de perigo, están un só posto por encima do descenso cunha concisa renda dun punto sobre o Sala Zaragoza.