O orzamento da Fundación de Deportes de Vilagarcía crece 114.000 euros para situarse en 1,27 millóns

O Salnés
21 de febreiro 2022

Os recursos para as subvencións a clubs para a organización de eventos increméntanse ata recuperar as cifras prepandémica

Fundación de Deportes no recinto de Fexdega, en Vilagarcía de Arousa PontevedraViva

O Consello Reitor da Fundación Municipal de Deportes do Concello de Vilagarcía aprobou xa o seu orzamento de 2022. O organismo disporá este ano de 1.269.016 euros, o que supón un incremento de 114.000 con respecto ao exercicio anterior.

Unha das principais variacións no orzamento da Fundación con respecto ao ano anterior é que se elevan os recursos destinados a financiar a liña de subvencións aos clubs para a organización de eventos deportivos, ata recuperar as cifras do último ano anterior á pandemia. A partida recortárase en 2021 debido á redución da actividade que sufriron os clubs e á falta de eventos deportivos de carácter extraordinario que non se podían organizar debido ás restricións.

En previsión da volta á normalidade e á recuperación paulatina da actividade, os fondos increméntase en 19.000 euros, sumando entre esta liña, a de axudas ao deporte federado e outras un total de 134.360 euros.

Tamén se suman 5.000 euros á partida destinada a financiar os convenios cos clubs para a impartición das escolas deportivas municipais, chegando aos 18.000 euros, e os fondos dos que disporá a Fundación para a realización dos proxectos de actividades e eventos deportivos organizados directamente polo organismo público impleméntanse con 37.102 euros, co que a partida acada os 68.000 euros.

Outra da partida que tamén se eleva con respecto ao exercicio anterior é a destinada á mantemento de instalacións deportivas e coa que se financian os distintos contratos de servizos como o de mantemento de instalacións térmicas, control da lexionelose e mantemento vexetal. Precisamente, os 28.500 euros cos que aumenta a partida teñen como obxectivo a renovación e ampliación deste último contrato relativo ao mantemento dos campos de herba municipais.

No que se refire ao capítulo de investimentos, a partida redúcese en 12.000 euros tendo en conta que aquí só se incluirán os pequenos subministros para arranxos de bens inventariables que poidan ir precisándose ao longo do ano, posto que os grandes investimentos previstos nas instalacións deportivas fináncianse a través dos Orzamentos Xerais do Concello.

Son, entre outras obras, a reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa, cun custe de 1,7 millóns de euros do que o Concello financia a metade; a ampliación da piscina municipal, cun orzamento de 1,6 millóns de euros a financiar a través do programa "Vilagarcía Avanza" participado con fondos da UE ou a renovación da iluminación do campo de fútbol da Lomba, cun custe de 130.680 euros a financiar co Pan Concellos, igual que a substitución da cuberta da grada do campo de Vilaxoán, cun orzamento de 43.334 euros.