O olímpico Pablo Crespo comanda a armada pontevedresa no Mundial Júnior e Sub-23 de piragüismo

Pontevedra
17 de xullo 2024

O pontevedrés aspira a todo en Bulgaria no C-1 1.000 metros Sub-23, distancia na que competirá en poucos días nos Xogos de París, e tamén formará equipo con Manuel Fontán no C-2. Martín Jácome, Claudia Couto, Antía Otero ou Valeria Oliveira, outros dos nomes para seguir 

Pablo Crespo, no Preolímpico europeo de piragüismo en Szeged Real Federación Española de Piragüismo

A localidade búlgara de Plovdiv acolle, desde este mércores e ata o vindeiro domingo 21 o Campionato do Mundo Sprint Júnior e Sub-23 de piragüismo, unha cita que contará cunha ampla representación da armada pontevedresa e ademais con grandes aspiracións.

Comanda o equipo nacional o olímpico Pablo Crespo (EP Ciudad de Pontevedra), a poucos días de participar no C-1 1000 metros dos Xogos de París. Será toda unha proba de nivel para a cita olímpica, buscando a medalla mundial na categoría Sub-23. Ademais Crespo formará equipo con Manuel Fontán (Náutico O Muíño) no C-2 1000 metros, proba na que logrou hai un ano o ouro xunto a Martín Jácome (EP Ciudad de Pontevedra). Nesta ocasión Fontán e Jácome remarán xuntos no C-2 500 metros, e o segundo participará á súa vez na proba individual.

Outro nomnre a seguir será o de Claudia Couto (EP Ciudad de Pontevedra), que tentará revalidar o título conseguido a pasada tempada en Italia no C1 200 metros. Ademais remará no C2 500 Mixto xunto a Pedro Torrado.

A marinense Antía Otero (EP Ciudad de Pontevedra) buscará pola súa banda mellorar o bronce mundialista de 2023 no C2 500 metros con María Moreno, e ambas as dúas competirán en equipo xunto a Valeria Oliveira (Piragüismo Poio) e Viktoria Yarchevska no C4 500.

En canto á categoría xuvenil Natalia Moreira (EP Ciudad de Pontevedra) competirá no K2 500 con Claudia Blanco e formará parte do K4 con Lucía Tenreiro (Piragüismo Illa de Arousa), Yaiza Novo e a propia Claudia Blanco. Tenreiro participará tamén no K2 mixto.

Ademais Lara Remigio (Piragüismo Poio) formará equipo con Candela Mayoral, Antonia Segura e Jimena Belén no C4 500 metros, e Nicolás Braña (Piragüismo Poio) participará no C1 e no C2 500 metros xunto a Raúl Fernández. Por último Martín Expósito (EP Ciudad de Pontevedra) participará no C2 1000 formando embarcación con Jairo Zurita.

O Mundial Júnior e Sub-23 comezou este mércores coas primeiras series clasificatorias, que continuarán durante o xoves, e non será ata a xornada do venres cando chegue a quenda das primeiras finais.