O Natación Galaico dá o callo no Campionato de España en Augas Abertas

Pontevedra
24 de maio 2022

O club pontevedrés competiu en Banyoles nun Nacional de Augas Abertas ao que desprazou a seis nadadores, logrando como mellor resultado un sexto posto na proba da remuda 4x1250

Equipo do Galaico no Campionato de España de Natación en Augas Abertas Club Natación Galaico

Nin o problema de instalacións para poder adestrar en condicións, tras o peche da piscina olímpica de Ponte Muíños, frea ao Club Natación Galaico, que a fin de semana estivo presente na localidade catalá de Banyoles no Campionato de España de Natación en Augas Abertas.

Ata alí desprazáronse seis deportistas do club pontevedrés, que deron o callo cuns resultados notables.

O mellor posto logrouno a remuda 4x1250 formada por Pedro Barros, Cristian Fernández, Alicia Bouzas e Ana Pérez acabando a proba na sexta posición absoluta.

Ademais a nivel individual Alicia Bouzas foi décima na proba júnior, oitava española e Ana Pérez conseguiu o décimo posto nos 10 quilómetros ademais da 21ª posición nos 5 quilómetros sendo a 13ª española.

A representación absoluta completouna Cristian Fernández sendo oitavo no 10 K sénior e 28º nos 5 quilómetros.

En categoría infantil participaron tamén Pedro Barros, Oliver Rocha e Iker Pérez finalizando nos postos 22º, 25º e 27º respectivamente.

No que respecta a a clasificación de clubs o Galaico finalizou no oitavo posto na categoría absoluta masculina e no sétimo na feminina.