O Nacional Sénior de Loita, novo evento para o calendario deportivo de Pontevedra en 2020

Pontevedra
25 de decembro 2019

A competición de loita grecorromana, loita olímpica e loita libre feminina celebrarase o sábado 23 de maio no Pavillón Municipal dos Deportes esperando un gran nivel competitivo a só uns meses dos Xogos de Tokyo

Cuarta xornada do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas de Pontevedra 2019 Mónica Patxot

Dicía hai uns meses o alcalde de Pontevedra, xusto antes do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas do pasado mes de xuño, que esa competición internacional debía supoñer "o inicio dun enamoramento de Pontevedra coa loita olímpica", e o certo é que vai camiño de ser así.

Tras varios anos de grandes competicións na cidade, o 2020 non será menos, xa que a Federación Española de Loita designou á Boa Vila como sede para o seu gran evento da tempada, o Campionato de España Sénior.

Así figura xa no calendario provisional da Federación, establecendo o sábado 23 de maio como a data escollida para unha cita que traerá ata o Pavillón Municipal dos Deportes aos mellores especialistas nacionais a só uns meses dos Xogos Olímpicos de Tokyo. Nun principio pensábase en realizalo unha semana máis tarde, pero coincidía coa posible celebración na cidade da fase de ascenso á Liga Asobal de balonmán, á que poden optar tanto Cisne como Teucro, e queríase respectar a data.

Desta forma en Pontevedra, moi ligada a esta disciplina a través do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, celebrarase a 81ª edición do Nacional de loita grecorromana, a 49ª edición do Nacional de loita libre olímpica e a 23ª edición do Campionato de España Sénior de loita libre feminina, as tres modalidades que entrarán en competición.

A súa organización xa tivo lugar en 2019 en Galicia, concretamente en Santiago de Compostela, congregando a preto de 350 deportistas.

O Campionato de España Sénior de Loita é o segundo gran evento confirmado no calendario deportivo da cidade para 2020, sumándose así ao Nacional de Ciclocrós que por segundo ano consecutivo recalará a beiras do Lérez do 10 ao 12 de xaneiro.