O lago Bagsvaerd, na localidade danesa de Copenhague, será escenario desde este xoves e ata o domingo día 19 da última gran competición da tempada de piragüismo, o Campionato do Mundo Sprint.
Alí estará unha ampla representación pontevedresa empezando polo flamante diploma olímpico en Tokyo, Antía Jácome, que competirá na proba na que foi quinta en Xapón, o C-1 200 metros, e tamén no C-2 500 metros xunto a Antía Otero, a súa compañeira na EP Ciudad de Pontevedra.
Cabe destacar que o Mundial está marcado por dous detalles. O primeiro a ausencia pola pandemia de países como Australia e Nova Zelandia, e segundo por ser o primeiro evento do novo programa olímpico, pensando nos Xogos de 2024, con cambio nas distancias xa que o K-1 200 metros masculino e feminino non formará parte de París, mentres que as carreiras masculinas de K-2 e C-2 1.000 metros pasarán a ser de 500 metros.
Ademais das Antías, competirán na capital danesa Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra) no K-2 500 xunto a Sara Ouzande (Kaiak Tudense) e no K-4 tamén xunto a Laia Pelachs e Begoña Lazkano; Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) farao no C-4 500 cos andaluces Cayetano García e Pablo Martinez e o mallorquino Joan Moreno; Manuel Fontán (Náutico O Muiño) debutará en categoría absoluta no C-1 500 metros; mentres que David Barreiro (Breogán do Grove) competirá no C-1 1.000 metros. Por último Noel Domínguez (Breogán) e Martín Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) tomarán a saída no C-2 1.000 metros.
En total Galicia contará no Mundial con 15 padexeiros dos 31 que compoñen o equipo nacional español.