O Mundial Absoluto de Grappling poñerá a guinda a un outubro máxico para a loita en Pontevedra

Pontevedra
07 de xuño 2022

A United Word Wrestling (UWW) ditaminou que Pontevedra organice, os días 14 e 15 de outubro, o Mundial de Grappling Absoluto, evento que se suma aos campionatos do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas e Sub-17/20 de Grappling que xa estaban concedidos á Boa Vila

Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas 2019 no Municipal Mónica Patxot

Pontevedra converterase o próximo outubro na capital internacional das loitas olímpicas, nun mes que segue sumando citas de nivel á súa programación.

A Boa Vila xa fora designada como sede dos Campionatos do Mundo Sub-17 e Sub-20 de Grappling e do Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas, previsto do 17 ao 23 de outubro, e agora atópase coa guinda ao pastel.

A United Word Wrestling (UWW) ditaminou que Pontevedra organice tamén, os días 14 e 15 de outubro, o Mundial de Grappling Absoluto.

Todo un reforzo á aposta da cidade por acoller grandes eventos nesta modalidade deportiva, e que se completará co Mundial Júnior de Loitas Olímpicas que terá lugar en 2024.

Ademais Pontevedra xa fixo saber á federación internacional o seu desexo de poder aspirar en 2025 a un Europeo ou un Mundial Absoluto, un obxectivo que cada día para máis próximo vendo a confianza mostrada pola United Word Wrestling.