O Multisport Festival e o Mundial Junior de Balonmán 2019, eventos de "excepcional interese público"

Pontevedra
03 de abril 2018
Actualizado: 20:09

Os campionatos do Mundo de tríatlon que se celebrarán na Boa Vila en 2019 foron recoñecidos con esta consideración no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, o que supón un importante impulso ao seu financiamento ao establecer reducións fiscais para as empresas que o patrocinen

Visita a Pontevedra dos técnicos da Federación Internacional de Tríatlon Mónica Patxot

A organización do ITU Multisport Festival de Pontevedra, competición que supoñerá a celebración de ata 5 campionatos do Mundo de tríatlon na cidade de Lérez en 2019, recibiu este martes unha grata noticia coa presentación do proxecto de lei dos Orzamentos Xerais do Estado.

O evento foi recoñecido como de 'excepcional interese público' nos Orzamentos Xerais, o que supón un importante impulso especialmente a nivel captación de recursos económicos.

"O que significa é que as empresas e patrocinadores que queiran apostar por el van a ter unhas reducións fiscais importantes", explicou a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, tras coñecer a noticia.

Tanto o Concello de Pontevedra como a Federación Española de Tríatlon levan meses traballando para conseguir esta catalogación con contactos co Consello Superior de Deportes que dirixe actualmente o anterior Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, con quen o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores chegou a tratar o tema en varias ocasións.

"É un pulo á hora de buscar os patrocinadores que farán sostible económicamente esta proba", recoñece Riveiro, que permitirá á organización "centrar os nosos esforzos en que os deportistas estean o mellor posible" e na imaxe que ofrecerá a cidade, que se converterá  no centro do tríatlon mundial.

Aínda que o orzamento definitivo do ITU  Multisport Festival 2019 debe aínda pecharse en próximas reunións coas administracións públicas e deportivas implicadas no comité organizador, a declaración de evento de excepcional interese público, no caso de aprobarse os Orzamentos Xerais do Estado, supón o primeiro éxito duns campionatos chamados a deixar pegada na cidade.

O festival multideporte promovido pola Federación Internacional de Tríatlon (ITU) supoñerá a celebración en Pontevedra, do 27 de abril ao 5 de maio de 2019, dos mundiais de tríatlon de longa distancia, tríatlon cros, dúatlon, aquatlón e aquabike.

O MUNDIAL JUNIOR DE BALONMÁN, TAMÉN INCLUÍDO

Na lista de eventos de especial interese tamén se atopa incluído o Campionato do Mundo Junior de balonmán 2019 no que Pontevedra será unha das súas sedes, concretamente na primeira fase da competición, xunto a Vigo e León.

A duración do programa de apoio a estes campionatos estenderase desde o 1 de xullo de 2018 ata o 31 de decembro do ano 2020.