O Móstoles rouballe dous puntos ao Marín Futsal nos últimos minutos (3-3)

Marín
15 de abril 2023

O conxunto marinense, que controlou o marcador durante boa parte do partido chegando a estar 3-1, viu como o Móstoles terminaba empatando a pouco de concluír o partido

Partido entre Marín Futsal e Melilla na Raña Cristina Saiz

Oportunidade perdida do Marín Futsal para afastarse definitivamente da zona baixa da clasificación, tras ver como voaban dous puntos da Raña nos últimos minutos dun partido fronte ao Móstoles que estaba encarrilado (3-3).

Nun inicio de choque equilibrado, foron as marinenses as que tomaron vantaxe cun gol de Ceci á contra aos 6 minutos de xogo.

Empataría pouco despois Benete para as madrileñas. A igualdade non só volvía ao marcador, senón tamén ao xogo, sen desequilibrarse ata segundos antes do descanso, cando de novo Ceci aproveitaba un envío de Ale de Paz ao segundo pau para poñer o 2-1.

Nada estaba decidido, pero o partido púxose máis de fronte para o Marín Futsal ao comezo da segunda metade, cando Café aproveitaba un erro do Móstoles para ampliar a vantaxe.

Os puntos estaban ao alcance das locais, pero nada estaba decidido e Hrytsenko recortaba distancias no minuto 34. Ramiro Díaz sorprendía entón apostando polo xogo de cinco para controlar a renda desde a posesión, e o Móstoles respondía coa mesma táctica para igualar forzas na busca do empate.

As táboas chegarían a dous minutos do final, cun disparo de novo de Hrytsenko.

Aínda que gozou de añguna ocasión, o Marín non logrou ver máis portería, tendo que conformarse co empate.

MARÍN FUTSAL (3): Silvia Aguete, Café, Lara Balseiro, María León, Ceci -cinco inicial- Adri, Ale de Paz, Inés Mayán, María Estévez, Nuria, Pau, Lucía.

FSF MÓSTOLES (3): Silvia, Benete, Inma, Celia, Rafinha -cinco inicial- Hrytsenko, Forsiuk, Montufo, Ampi, Ari.

Goles: 1-0 Ceci (min.6); 1-1 Benete (min.10), 2-1 Ceci (min.20); 3-1 Jessy (min.27); 3-2 Hrytsenko (min.34); 3-3 Hrytsenko (min.38).

Incidencias: Partido de liga da Primera Federación Futsal celebrado no pavillón marinense da Raña.