O meta húngaro Gabor Decsi, fichaxe de urxencia para a portería do Cisne

Pontevedra
01 de marzo 2024

A grave lesión de Roney Franzini, unida aos problemas físicos que arrastra Abián Rodríguez, aceleraron a incorporación dun novo gardameta para tentar afrontar coas maiores garantías posibles o final da tempada

Gabor Decsi, novo gardameta do Club Cisne Club Cisne Balonmano

O Club Cisne Balonmán moveuse con rapidez ante a grave lesión do seu gardameta Roney Franzini, que estará unha longa tempada de baixa tras romper o tendón de Aquiles no último partido en Alacante.

Esta baixa, unida aos problemas físicos que arrastra Abián Rodríguez, obrigaron á entidade pontevedresa a acudir ao mercado.

Así, en só uns días, o Cisne pechou a incorporación de Gabor Decsi, gardameta húngaro de 22 anos que se atopaba adestrando co BM Huesca de Liga Asobal.

O gardameta, formado no Györi ETO do seu país, comprométese ata final de tempada.

Desta forma Decsi compartirá meta con Abián Rodríguez e tamén co canteirán Hugo Casal.

Coa nova incorporación o Cisne pensa xa na xornada de liga que lle enfrontará ao Zamora, actual pechacancelas da División de Honra Prata, este sábado 2 de marzo (18.30 horas) no Municipal. Un duelo vital para non desengancharse da pelexa polos postos de play-off.