O mercado de fichaxes móvese no Pontevedra, primeiro con saídas

Pontevedra
28 de xullo 2020

O club granate comunicou nas últimas horas a varios dos futbolistas que acabaron contrato coa entidade que non conta con eles para a próxima tempada. É o caso de Campillo, Pedro Vázquez, Berrocal, Nacho López e Álex Fernández

Adestramento do Pontevedra en Cerponzóns Cristina Saiz

Despois de semanas á espera de movementos concretos, o Pontevedra Club de Fútbol move ficha nun momento no que o mercado de fichaxes empeza a reactivarse tras a finalización do play-off e da liga regular na Segunda División.

En todo caso antes de anunciar as súas primeiras operacións, algunhas xa pechadas, o club granate moveu ficha no apartado de saídas, comunicando a varios dos futbolistas que finalizaron contrato a finais de xuño que non conta con eles para a próxima tempada.

Estes xogadores, que permanecían á expectativa sen noticias do Pontevedra, son Campillo, Pedro Vázquez, Berrocal, Nacho López e Álex Fernández.

O último deles, Álex Fernández, acumulaba cinco tempadas consecutivas no club, e na última recuperara certo peso disputando 23 encontros entre liga e copa. Pola súa banda Berrocal e Nacho López completaron a súa terceira campaña en Pasarón e Pedro Vázquez e Campillo a segunda, aínda que no caso do defensor era a súa segunda etapa tras un paso polo Coruxo.

Estas saídas anticipan unha importante renovación no plantel, que podería ser aínda maior tendo en conta que interesan as saídas de Adighibe e Naveira, con contrato en vigor, e se non frutifican as negociacións para renovar que están abertas. Neste sentido se a continuidade de homes como Álex González e Romay parece segura, cada día complícase máis a permanencia en Pontevedra do capitán Edu Sousa, con oferta de renovación sobre a mesa pero afastado polo momento dun acordo mentres soa o interese nel doutros clubs como Unionistas de Salamanca ou Talavera.