O Maristas anula o intento de remontada do Arxil (84-80)

Pontevedra
01 de abril 2023

As opcións para manterse nos play-off polo ascenso a Liga Challenge penden dun fío para o Club Baloncesto Arxil despois de caer no derbi contra o Maristas Coruña por 84-80  

Partido entre CB Arxil e Maristas Coruña no CTGD Cristina Saiz

As opcións para manterse nos play-off polo ascenso a Liga Challenge penden dun fío para o Club Baloncesto Arxil despois de caer no derbi contra o Maristas Coruña por 84-80.

As de Mayte Méndez chegaban á cita cos ánimos polas nubes tras superar a pasada xornada ao líder Tirso, pero o conxunto coruñés, coa permanencia en xogo, frustrou as opcións de vitoria do seu rival.

Comezaron mandando no luminoso as xogadoras verdes, cunha parcial inicial de 0-12. Con todo, tras un tempo morto, o Maristas púxose ao choio para colocarse a tan só tres puntos do empate cando terminou o primeiro período (17-20).

Xa no segundo, o Arxil desapareceu completamente, superado en todas as facetas de xogo polo cadro local que, apoiado en Andrea Pérez, Laura Martínez e Stojanovska, asinaba un parcial de 29-18 co que enviaban o partido ao descanso en 46-38.

Tras o paso polos vestiarios, os intentos do Arxil de dar a volta ao partido quedaron na beira a pesar de facer un bo último cuarto no que chegou a colocarse a tan só tres puntos do empate. Con todo, a arrancada final das xogadoras de Mayte Méndez foi en balde e o Maristas soubo frear ás verdes para facerse co triunfo por un axustado 84-80.

Agora, o Arxil dependerá do que faga o Unicaja no seu encontro do domingo ás 12:00 contra o Cortegada. No caso de que as malagueñas perdan, as verdes dependerán de si mesmas na última xornada ante o Bosonit Unibasket (8 de abril no CGTD ás 19:00 horas).

Consulta as estatísticas do partido nesta ligazón