As alarmas acendéronse na Sociedad Deportiva Teucro tras o mal inicio de tempada do primeiro equipo.
Desde o club azul manteñen a súa confianza no proxecto encabezado por Irene Vilaboa apelando á paciencia para a chegada de resultados, pero iso non quita que exista preocupación nun club que ten como obxectivo a permanencia na División de Honra Prata.
Polo momento, despois de catro xornadas de liga, os azuis son os únicos do seu grupo que non conseguiron puntuar, ao perder contra Zamora (33-26) e Soria (36-26) a domicilio e ante o Cisne (25-30) e San Pablo Burgos (31-42) na casa.
Máis que as derrotas, á que se suma a eliminación en Copa do Rei fronte ao Eivissa (24-30), preocupa non ter estado nin sequera preto de puntuar, aínda que ben é certo que o sistema de competición actual axuda a pensar en que as súas opcións seguen aínda moi abertas.
Do mesmo xeito que a pasada campaña ao termo da liga regular os cinco primeiros clasificados xogarán polo ascenso e os cinco últimos pelexarán pola permanencia, contando os puntos conseguidos ante os rivais directos que pasen á mesma fase. Iso fai por exemplo que vencer contra o líder se terminas xogando por non baixar sexa inútil, e pola contra conten dobre os puntos conseguidos contra teóricos rivais directos.
Con este panorama empézase a antollar clave sumar, empezando este mesmo sábado 30 (19.00 horas) na visita no Rosal a un Atlético Novás que é noveno con 2 puntos e que pelexa polo mesmo obxectivo.
Tamén é certo que aos de Irene Vilaboa penalizoulles en exceso a lesión dun dos pesos pesados do vestiario como Miguel Sío, que rompeu o ligamento cruzado do seu xeonllo no derbi pontevedrés da segunda xornada e que perderá o que resta de tempada.
É un dos motivos, non o único, polo que a directiva e a dirección deportiva teucrista rastrexa o mercado na busca dun par de reforzos que aumenten o nivel do equipo e permítanlle competir con maiores garantías, dentro das posibilidades que lle ofrece o seu apertado orzamento. O futuro do vicedecano do balonmán nacional depende diso.