O Leis comeza a preparar o inicio da liga

Pontevedra
02 de outubro 2020

O club pontevedrés, que aprazara no seu momento a pretemporada ata coñecer o calendario e os protocolos que debería seguir, púxose en marcha a menos dun mes para o inicio da Segunda División B de fútbol sala

Mikel Diestro, adestrador do Leis Pontevedra Diego Torrado

Non podía esperar máis. Despois de aprazar no seu momento o regreso aos adestramentos ata coñecer a data de inicio da liga e os protocolos que debía seguir, o Leis Pontevedra deu comezo á súa pretempada.

Os pupilos de Mikel Diestro iniciaron desta maneira unha conta atrás na súa preparación que contará con menos dun mes, ata a primeira xornada de liga da Segunda División B de fútbol sala prevista para o 24 de outubro fronte ao Cidade de Narón.

Será en todo caso unha pretempada atípica, e é que mentres o plantel non se someta ás probas de detección da COVID que se lle esixe aos equipos de ligas non profesionais de ámbito estatal non poderán exercitarse con contacto.

Desta maneira os primeiros compases dos pontevedreses deben centrarse no traballo individual que permita ir recuperando a forma aos poucos aos deportistas.

En todo caso o Leis é un dos poucos equipos da comarca que non leva máis de seis meses parado, xa que no seu caso recuperou pronto a actividade para disputar a fase de ascenso a Segunda División, da que resultou eliminado o pasado 22 de xullo.