O lateral zurdo Luis Castro, primeira fichaxe do Arosa

O Salnés
18 de xuño 2024

O Arousa anunciou este martes á súa primeira fichaxe para a próxima tempada, e trátase dun futbolista que volve ao club de Vilagarcía tras pasar parte da súa etapa de formación na canteira arlequinada. Procede do Racing Villabés, equipo co que a pasada tempada competiu en Segunda RFEF

Luis Castro, primeira fichaxe do Arosa Arosa SC

O proxecto de Míchel Alonso no Arosa xa ten a súa primeira fichaxe.

O club arlequinado confirmou este martes a incorporación de Luis Castro, lateral esquerdo sub-23 procedente do Racing Villalbés, equipo co que competiu a pasada campaña na Segunda RFEF.

Trátase dunha volta a casa, e é que Castro formouse durante dous anos na canteira arosista, ademais de ter pasado na súa etapa de formación por entidades como a ED Arousa, Pontevedra CF ou CD Lugo, no que concluíu a súa etapa xuvenil e no que pasou dúas campañas no seu filial, a Polvorín, chegando a debutar co primeiro equipo lucense.

"Teño un gran recordo do meu paso polo Arosa, estiven dous anos en categorías inferiores nos que fun moi feliz. De pequeno ía a case todos os partidos na Lomba e teño un enorme cariño por este club", afirmou o lateral na súa presentación oficial na Lomba.

"Afronto esta etapa con moita ilusión e con ganas de devolver o Arosa a Segunda RFEF", sinalou.

Luis Castro, nas súas primeiras palabras como xogador do Arosa, definiuse como un "lateral polivalente, rápido e forte, con influencia ofensiva chegando á área e centrando, pero tamén con moito sacrificio defensivo"

Coa súa fichaxe son xa dez os futbolistas confirmados no novo proxecto deportivo dos de Vilagarcía, ao sumarse aos renovados Martín Diz, Iñaki Martínez, Javi Pereira, Pacheco, Noel Chaves, Antón Concheiro, Dani Sánchez, David Conde e Sergio Prieto.