O comité organizador do ITU World Multisport, que se celebrará en Pontevedra do 27 de abril ao 5 de maio de 2019, reuniuse este mércores para avanzar na preparación desta cita deportiva que reunirá na cidade máis de 4.000 deportistas.
Trátase, destacaron desde a organización, do "maior evento" que a nivel deportivo celebrarase en Galicia o próximo ano, polo que contará co apoio de todas as administracións. Tamén do Goberno central, que o incluíu entre os "eventos de interese público" e permitirá que os seus patrocinadores se beneficien de exencións fiscais.
Así, a cita de Pontevedra traballa cun orzamento de 1,3 millóns de euros.
O obxectivo é que a achega de diñeiro público sexa a "mínima imprescindible", para o que se deseñou un sistema de financiamento que combina os ingresos pola inscrición dos deportistas, que pagarán menos que na proba que se celebrará en Fyn (Dinamarca), e a procura de patrocinadores privados.
Ademais, as administracións públicas achegarán, segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ata 400.000 euros. Esta cantidade iríase reducindo progresivamente se o orzamento vaise cubrindo con patrocinadores.
Na reunión participaron, ademais de Fernández Lores, a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; o deputado provincial David Regades ou representantes das federacións galega e española de tríatlon.
Todos eles analizaron a expedición que Pontevedra está a organizar para acudir a Fyn, illa danesa que acolle este ano o ITU World Multisport, e onde a cidade galega recollerá a bandeira do campionato.
Ademais de representantes institucionais, acudirá tamén o actual campión de España de longa distancia, o pontevedrés Pablo Dapena, e posiblemente tamén Javier Gómez Noya, aínda que a súa participación neste acto promocional non está confirmada polo momento.
Neste encontro tamén se puíron detalles relativos á organización da proba, a loxística, a infraestrutura necesaria, o voluntario ou a actividade institucional. Tamén se analizaron os circuítos que percorrerán os participantes dos cinco mundiais que acollerá Pontevedra: dúatlon, acuatlón, aquabike, tríatlon cros e tríatlon de longa distancia.
As probas celebraranse, segundo o alcalde, pola cidade e na contorna do río Lérez. O circuíto de longa distancia probarase o 25 de agosto, día no que Pontevedra acollerá o campionato español de tríatlon longa distancia.