O ITU Multisport de Pontevedra colle ritmo coa súa presentación en Dinamarca

Pontevedra
13 de xullo 2018

Pontevedra vestiu as súas mellores galas para dar o pistoletazo de saída ao ITU Multisport, os cinco mundiais de tríatlon que acollerá a cidade entre os días 27 de abril e 5 de maio de 2019. Foi nunha presentación celebrada en Odense (Dinamarca), a localidade que acolle este ano este importante evento deportivo

Presentación do ITU Multisport de Pontevedra en Dinamarca Concello de Pontevedra

Pontevedra vestiu as súas mellores galas para dar o pistoletazo de saída ao ITU Multisport, os cinco mundiais de tríatlon que acollerá a cidade entre os días 27 de abril e 5 de maio de 2019. Foi nunha presentación celebrada en Odense (Dinamarca), a localidade que acolle este ano este importante evento deportivo.

O acto contou cun padriño de excepción, o pentacampión mundial Javier Gómez Noya, que animou a todos os deportistas a vir a Pontevedra, coa seguridade de que será un evento moi especial que se está preparando a conciencia, para que todo o que teña lugar o próximo ano sexa unha festa chea de deporte, competición e alegría.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou baixo o arco de meta do mundial deste ano a Pontevedra como un lugar moi especial que se distingue pola súa calidade urbana, avalada por numerosos premios internacionais a un modelo pensado para as persoas.

"Non vos ides arrepentir, pois estaredes nunha cidade que se distingue por moitos valores positivos, entre os que tampouco hai que esquecer a gastronomía, o patrimonio histórico e paisaxístico e o agradable microclima das Rías Baixas", asegurou o rexedor.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, sinalou que Pontevedra é un destino apetecible para calquera deportista, unha cidade con especial relación co tríatlon, un deporte que comparte cos demais os valores positivos da formación das persoas, a sa competición e o optimismo.

Na presentación tamén participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que en inglés sinalou que nas Rías Baixas "temos sol e praia, ríos, bosques e unha gastronomía que é unha ledicia, unha cultura propia", polo que asegurou aos futuros participantes que "terán unha experiencia marabillosa e gozarán de lugares máxicos".

A presidenta da Federación Internacional de Tríatlon, a española Marisol Casado, pechou o acto prometendo que o de Pontevedra será un "magnífico campionato" que acabará sendo unha experiencia "única" para cada un dos triatletas e persoas que virán a esta cita deportiva. 

XUNTANZA INSTITUCIONAL

Antes desta presentación, celebrouse unha xuntanza institucional entre os comités organizadores de Fyn e Pontevedra, en presenza da máxima autoridade do tríatlon mundial, a presidenta da ITU, Marisol Casado.

As autoridades deportivas danesas destacaron o importante que resulta que tres institucións como Concello, Deputación e Xunta estean unidas coas federacións deportivas para levar adiante un evento da importancia deste mundial.

Mostrouse ademais encantado coa visita e disposto a compartir coa delegación pontevedresa toda a experiencia acumulada neste mundial, que a diferencia do que terá lugar en Pontevedra en 2019 está celebrándose en tres cidades distintas.

O alcalde de Pontevedra tamén agradeceu o trato dispensado, as facilidades que se ofreceron á delegación pontevedresa para despregar a súa campaña informativa e a disposición dos distintos efectivos a compartir información e modos de traballo.