O infortunio persegue a Álex Fernández, que estará preto dun mes de baixa

Pontevedra
07 de febreiro 2019

O centrocampista ourensán, que tras unha mala caída viuse obrigado a pedir o cambio no choque de Copa Federación ante o Cornellà, sofre unha subluxación no seu ombreiro esquerdo. Mellores noticias deixou este xoves David Castro, que puido adestrar cos seus compañeiros pese ao golpe recibido no xeonllo

Álex Fernández no momento de ser cambiado tras lesionarse contra o Cornellà
Álex Fernández no momento de ser cambiado tras lesionarse contra o Cornellà / Mónica Patxot

Non está a ser a tempada máis sinxela para Álex Fernández, castigado como poucos no plantel polas lesións no presente curso.

A última foi a sufrida este mércores no encontro de ida dos 1/4 de final de Copa Federación, ante o  Cornellà, no que tras unha mala caída viuse obrigado a pedir o cambio cando só transcorreran 24 minutos de xogo.

Un duro golpe para un futbolista que tras superar unha importante lesión muscular pelexaba de novo por facerse un oco nos plans de Luismi e que agora deberá parar de novo.

Á primeira hora deste xoves Álex pasou revista médica, e as probas que lle foron realizadas revelan que sofre un "traumatismo no ombreiro dereito con  subluxación" da articulación, sen lesións óseas, segundo confirmou o club granate.

Con este diagnóstico o centrocampista ourensán estará de baixa entre 4 e 6 semanas, segundo a estimación dos servizos médicos.

DAVID CASTRO, UN SUSTO SEN CONSECUENCIAS IMPORTANTES

Mellores noticias deixou a xornada con respecto ao segundo dos homes que tivo que retirarse antes de tempo no choque de copa, David Castro.

O defensor cuntiense sufriu unha contusión no seu xeonllo dereito, e aínda que con algunha molestia, puido participar da sesión de adestramento deste xoves no campo de Cerponzóns ao mesmo ritmo que os seus compañeiros, polo que todo apunta estará dispoñible para o duelo ligueiro da fin de semana ante o Internacional de Madrid.