O Haro Deportivo, último obstáculo que terá que superar o Pontevedra para ascender a 2ª B

Pontevedra
15 de xuño 2015

O equipo rioxano eliminou o Castellón e o Caudal na tanda de penaltis e mantén a ilusión de seguir sendo o mataxigantes desta fase de ascenso vencendo o Pontevedra

Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra C.F., no sorteo da final polo ascenso a Segunda B na sede da RFEF @RFEF

O sorteo celebrado na Cidade do Fútbol de Las Rozas emparellou na última eliminatoria da fase de ascenso a Segunda división B ao Pontevedra contra o Club Haro Deportivo de La Rioja. Será o último rival que terá que superar o equipo de Luisito para lograr o ansiado ascenso, tras eliminar o Manzanares.

O conxunto granate disputará o partido de ida o próximo fin de semana no campo de El Mazo, mentres que o partido de volta se celebrará o último fin de semana de xuño no Estadio municipal de Pasarón.

O Haro, cuarto clasificado do grupo 16 correspondente a La Rioja de Terceira división, logrou chegar a esta última rolda tras eliminar ao Caudal de Mieres e ao Castellón, dous equipos cun importante potencial. Ambos os dous foron superados, tras unhas disputadas eliminatorias, na quenda de penaltis.

Este equipo conta con seguir sendo o mataxigantes desta fase superando ao Pontevedra C.F. co obxectivo de festexar o ascenso un día antes da Batalla do Viño no día de San Pedro, o 29 de xuño, unha festividade que se conmemora na Ermida de San Felices, nomeada mellor canto turístico en 2014.