Unha oportunidade perdida. Así pode definirse o empate do Pontevedra ante Unionistas de Salamanca, encontro que foi fiel reflexo da igualdade que esta tempada caracteriza ao Grupo I da Segunda División B.
Os granates mantéñense na pelexa polos primeiros postos, pero en caso de gañar teríanse colocado en postos de play- off, terceiros, e a só un punto do líder debido ás dificultades para sumar de todos os aspirantes.
Non foi así, e o equipo pontevedrés caeu ata a sétima praza dunha clasificación que está nun pano, como non se lembraba nos últimos anos. A pesar de ser agora sétimo con 33 puntos, o Pontevedra atópase igualado co cuarto clasificado, que pasa a ser o San Sebastián de los Reyes nun cuádruplo empate con Cultural Leonesa e Castilla, e mantense a 3 puntos do liderado que agora ocupa o Fuenlabrada, único dos aspirantes que logrou vencer na xornada 20 aínda que de maneira apurada, cun gol no último minuto ante o Salamanca CF (1-2).
Tamén a Ponferradina suma 36 puntos na segunda praza, mentres que o Atlético B é terceiro con 34.
"Da rabia", recoñeceu o propio Luismi na sala de prensa posterior ao duelo ante Unionistas, "pero queda mucho por delante, es el primer partido de la segunda vuelta y tenemos un punto más que en la primera, que allí habíamos perdido", sinalou con optimismo o técnico.
No medio desta igualdade extrema, chega agora unha saída complicada para os granates, que o vindeiro domingo (17:00 horas) visitarán a un dos sinalados a principios de tempada como máximo aspirante ao ascenso, a Cultural Leonesa, un cadro que con todo na actualidade está empatado co Pontevedra con 33 puntos e que vén de perder pola mínima (1-0) en Bouzas.
VIAXE PARA AFECCIONADOS A LEÓN
Con motivo deste encontro, o Pontevedra avanzou que organizará un desprazamento en autocar para os afeccionados interesados en acompañar ao equipo cun prezo de 15 euros, ao que haberá que sumar a entrada. As inscricións poden formalizarse nas oficinas do club, en Pasarón.