O Coruxo eliminou o Pontevedra este venres no que foi o primeiro encontro oficial da tempada estreando participación na Copa Federación.
Para Yago Iglesias houbo "dous partes ben diferenciadas". A primeira foi para o equipo local, "foi mellor que nós e non estivemos cómodos en ningún momento. Temos que analizar se é mérito noso ou do rival. O Coruxo entrou mellor ao partido tendo claro como nos quería apertar e faltounos agresividade, bo posicionamento no campo, ideas e, sobre todo, executalo", recoñece.
Con todo, "na segunda cambiaron tórnalas e é o Pontevedra o que xera as ocasións pero sen gol" e, aínda que é algo que o equipo ten que mellorar de fronte ao comezo da liga, o técnico granate quere quedar "coa imaxe que o equipo deu" a pesar das ganas de que tiñan "de seguir pasando roldas nesta competición".
"O Coruxo fixo un traballo defensivo moi bo e nós non soubemos ler que liñas de pase eran as idóneas para combater esa presión que eles facían, no descanso axustámolo e a segunda si que demos na tecla. Díxenllo aos xogadores, faltounos o último pase, xeramos ocasións, tivemos un pau, varias chegadas... Pero non acabamos de afinar cara portería", lamenta.
Agora "temos que afrontar o que vén", quedan tan só dúas semanas de pretempada e o sistema dos adestramentos vai empezar a cambiar, "o equipo xa deixa de acumular carga, pasamos a un período máis relaxado de partidos e buscamos que o xogador a nivel individual vaia recuperando o seu nivel idóneo para a competición", defende Yago Iglesias, que xa pensa na primeira xornada de liga en Pasarón.
E aínda que os resultados non acompañaron ao equipo nesta pretempada, condicionada sobre todo pola falta de gol, "non é momento para preocuparse por iso", indica. "Aínda nos temos que coñecer, interésame que o equipo teña claro o que queremos facer, os posicionamentos, ese fío condutor que queremos ter para chegar a portería rival. O importante é que o equipo xera e que nos enfrontamos a equipos da nosa liga nesta pretempada, sabemos o nivel ao que nos imos a enfrontar e o tipo de xogadores que hai".
Yago Iglesias sabe que o Pontevedra "é o claro favorito" da categoría. "Todos queremos ese obxectivo de volver a Primeira RFEF pero temos claro que non se consegue nin en agosto, nin en setembro nin en decembro. Vai ser un camiño longo, duro, vai haber momentos mellores ou peores pero estamos a traballar para que o equipo teña unha base sólida para, ao longo da tempada, afrontar as xornadas e aos distintos equipos aos que nos imos a enfrontar co maior número de garantías para conseguir os tres puntos e acabar a tempada onde queremos estar".