Como cada semana, os perfís oficiais de redes sociais da Primeira Federación publicaron unha enquisa para que os afeccionados elixan o mellor gol da xornada. O rechamante é que esta vez está un tanto do Pontevedra entre os catro nomeados a gol da semana.
Trátase do remate de Charles Dias que serviu para inaugurar o marcador no encontro do pasado sábado en Pasarón no partido entre o equipo granate e o Linares.
O ariete brasileiro recibiu de costas na interior da área un envío de Álex González, cun control sutil elevou o balón e, á media volta, realizou unha potente e precisa volea que se aloxou no fondo das redes da portería de Fondo Sur. Todo un alarde calidade e olfacto goleador dun futbolista que, con ese tanto, convertíase ademais no xogador máis veterano en anotar un tanto esta tempada e o quinto en toda a historia da categoría.
Nesta enquisa aberta a través do perfil oficial de Twitter de Primeira Federación, o tanto de Charles contra o Linares compite co de Ramón Blázquez, de Unionistas, ao Linense; Emilio Nsué, do Intercity, ao Logroñés; e Tarsi, da Cultural; ao Deportivo.
Ás poucas horas de abrirse a votación, que permanecerá aberta ata o venres, os internautas situaron a obra do ariete brasileiro como a segunda máis votada (24,1 %) por detrás da de Blázquez (50,9 %) e por encima da de Tarsi (21,4 %). Aínda que aínda pode variar o resultado, máis descolgada queda a de Nsue con só un 3,4 % dos votos.