O futuro da natación sincronizada galega mostra o seu potencial en Pontemuiños

Pontevedra
11 de xuño 2016

As instalacións da Fundación Rías Do Sur en Pontemuiños acolleron cun cheo total nas bancadas o Campionato Galego de Base de Natación Sincronizada, nas modalidades de rutinas de equipo e combinadas, organizado polo Club Galaico Sincro

Campionato Galego de Natación Sincronizada de Base na piscina de Pontemuiños

As instalacións da Fundación Rías Do Sur en Pontemuiños acolleron cun cheo total nas bancadas o Campionato Galego de Base de Natación Sincronizada, nas modalidades de rutinas de equipo e combinadas, organizado polo Club Galaico Sincro.

A gran afluencia de equipos participantes serviu para constatar o auxe constante desta modalidade deportiva, na que a sincronizada de base representa a antesala da máxima categoría e serve para establecer unha importante proxección sobre o futuro deste deporte.

Nunha competición na que o elemento máis destacable era a curta idade dos seus participantes, moitas das cales contaban con só sete anos de idade, as habilidades das nadadoras fixeron as delicias dos asistentes loitando polas medallas, cuxa entrega correu a cargo de Anxos Riveiro, concelleira de Cultura e Deportes do Concello de Pontevedra, e Ángeles Lorenzo, vicepresidenta da Federación Galega de Natación.

Por clubs, sobresaen os resultados conseguidos polo Club Sincronizada Ourense que obtivo un gran número dos pódiums en disputa, e os clubs lerezanos Club Natación Sincronizada Pontevedra e Club Galaico Sincro, con medalla de ouro na categoría Base III, desde a que se accede á categoría de nivel, na modalidade de combinada, cunha destacada actuación da súa nadadora Mercedes Domínguez Del Campo.