O fútbol en horario matinal volve a Pasarón

Pontevedra
10 de decembro 2018

A normativa da Real Federación Española de Fútbol obriga ao Pontevedra a fixar o seu próximo encontro de liga ante o Las Palmas Atlético na matinal do domingo (12:00 horas), ao tratarse dun equipo canario

Partido entre Pontevedra e Unión Adarve en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Unión Adarve en Pasarón / Diego Torrado

O asalto do Pontevedra ao cuarto posto, co que se atopa empatado a puntos tras a súa vitoria ante o Unión Adarve, supoñerá ademais a volta do fútbol matinal ao Estadio Municipal de Pasarón.

Despois de anos nos que era habitual ver fútbol o domingo pola mañá no coliseo pontevedrés, debido á cantidade de equipos canarios cos que compartía grupo o conxunto granate, a situación volverá repetirse o próximo 16 de decembro no segundo encontro consecutivo na casa para os de Luismi e o último do ano ante a súa afección, xa que pecharán 2018 a domicilio ante o Atlético de Madrid.

Así o obriga a normativa da Real Federación Española de Fútbol para abaratar os desprazamentos dos equipos insulares e que poidan regresar a casa o mesmo día do partido.

Por todo iso o choque do domingo 16 entre Pontevedra e Las Palmas Atletico fixouse para as 12:00 horas en Pasarón.

ÉXITO DA RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS

O club granate, aproveitando o duelo de liga contra o Unión Adarve, unha recollida solidaria de alimentos na que participaron un bo número de afeccionados.

Segundo sinalou o Pontevedra, durante a xornada chegáronse a recoller máis de 500 quilos de alimentos que serán entregados agora ao Banco de Alimentos.