Pibe pecha cunha obra de arte a goleada do Pontevedra ao Unión Adarve (3-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Partidazo que puido e debeu terminar en goleada, pero pasou momentos de sufrimento antes de que o Pontevedra lograse sentenciar definitivamente un resultado merecido e curto para as incontables ocasións creadas polos granates fronte a un Unión Adarve que nesta ocasión mostrouse moi inferior. Os goles locais chegaron por medio de Kevin Presa, Javi Pazos e especialmente o terceiro, conseguido por Pibe, unha verdadeira obra de arte.
Desde o asubío inicial o Pontevedra lanzouse a un acoso constante sobre un Adarve encolleito, medorento, incapaz de superar a liña divisoria doutro xeito que non fose o balonazo directo, tratando de gañar as costas da zaga local ou esperar algunha acción de contraataque ou estratexia para inquietar.
Dese modo, os granates empezaron a acumular ocasións moi pronto. Ata tres moi claras nos primeiros 20 minutos. Javi López deu o primeiro aviso, obrigando a Parra a empregarse a fondo para mandar o balón a corner. Logo sería Pedro Vázquez quen rematase con intención e calidade co interior da súa bota dereita, pero o coiro marchou moi preto do poste. Romay tamén probaba fortuna, pero o seu remate deu nun defensa, con Parra case batido, e marchouse á esquina.
Ata que de tanto avisar, o Pontevedra atopou o premio ao seu mellor fútbol e maior ambición. Javi López viu a chegada de Kevin Presa polo carril central e púxolle un pase perfecto para que antes de entrar na área o de Ponteareas disparase con forza e colocación, raso, poñendo o balón lonxe do alcance do meta madrileño.
O gol fixo reaccionar lixeiramente ao Adarve, que tratou de adiantar liñas, pero o Pontevedra, con espazos, seguía mandando e Romay fallou "a de Cardeñosa" despois de facer o máis difícil. O de Malpica, coa colaboración de Javi Pazos, roubou un balón na liña defesiva madrileña e foise directo cara á portería visitante, salvou a saída de Parra, pero o seu disparo foi tan frouxo que deu tempo a Souza a chegar e sacar o balón sobre a mesma liña evitando o segundo tanto local.
Ao adiantar liñas o rival, os de Luismi xogaron a pracer e de novo Romay, que antes non acertara, fíxoo dando unha asistencia sensacional tras roubo de balón, mandando cara a Javi Pazos que gañou en velocidade ao seu par e cruzou a media altura e con forza, colocando o balón xunto ao poste evitando a un Parra que nada puido facer. Era o xusto premio a un Pontevedra que se mostrou serio, intenso e con calidade en moitas das súas accións, a pesar do mal estado do terreo de xogo, que supoñía un lastre á hora de tentar combinar.
Pero se a primeira parte foi un paseo para os locais, eles mesmos empeñáronse en pegarse un tiro no pé e converter a segunda nunha especie de película de terror na que seu foi o mellor e o peor, os acertos e os erros. Puideron e deberon golear, pero terminaron pedindo a hora ante o curto do resultado, despois dun garrafal erro de Adrián León que aproveitou o Adarve para meterse no partido ata que Pibe terminou coa incerteza na recta final cun golazo para videoteca.
Primeiro, o regreso de vestiarios ofreceu a un Adarve algo máis ambicioso, que puido marcar de non evitalo Edu cun dos seus habituais milagres. Foi nun remate de cabeza de Miñambres que sacou o de Tui de socato.
A reacción madrileña durou xusto ata que o Pontevedra recuperou o balón e o pulso do partido. Iso tardou exactamente dez minutos. A partir de aí os granates volveron acumular ocasións desperdiciadas. Unha de Romay, outra de Javi Pazos, clarísima, que salvou o meta e unha terceira de Álex González, a quen se lle foi o balón longo no control.
Pero Unión Adarve atopou petróleo non polos seus méritos, senón por un erro individual de Adrián León, que quixo ceder desde medio campo propio de cabeza a Edu. O pase quedou a medio camiño e Álvaro Sánchez aprovéitoo para encarar a Edu e desbordarlle marcando a porta baleira.
O gol trouxo os nervios durante algúns minutos, pero o Pontevedra cada vez que tiña o balón en zona ofensiva creaba perigo. Os temores radicaban en non cometer un novo erro. Javi Pazos puido aforrar sufrimentos, pero Parra, o mellor do seu equipo, interpúxose (minuto 80), ata que cando moitos miraban a hora e o final antollábase aínda afastado, Pibe fixo unha parede con Arruabarrena e de primeira puxo o balón cun disparo cruzado na mesma escuadra. Golazo que fixo vibrar Pasarón.
Con todo decidido e o público gozando dos seus, de novo os granates puideron ampliar a conta. Foi no tempo engadido, con dúas grandes ocasións de Arruabarrena e Álex González, que foron abortadas pola zaga e meta madrileños. Coa vitoria, o Pontevedra roza os postos de play-off. Cos pés no chan, pero soñar está permitido.
PONTEVEDRA CF (3): Edu; Campillo, David Castro, Churre, Adrián León, Kevin Presa (Arruabarrena, minuto 65), Javi López (Álex González, minuto 62), Berrocal, Javi Pazos, Pedro Vázquez (Pibe, minuto 81) e Romay.
A.D. UNIÓN ADARVE (1): Parra; Mario, Olmedo, Juanma, Darío (Margallo, minuto 69), Portilla, Álvaro Sánchez, Miñambres, Souza (Jordi, minuto 67), Miguel e Gianni (Gómez, minuto 76).
Árbitro: Fernando Román Román (Castela-León), auxiliado nas bandas por Diego Ibáñez Saíz e Elena Peláez Arnillas. Amoestou a Javi Pazos, no Pontevedra, e a Juanma, no Unión Adarve.
Goles: (1-0) Minuto 21: Kevin Presa. (2-0) Minuto 43: Javi Pazos. (2-1) Minuto 69: Álvaro Sánchez. (3-1) Minuto 86: Pibe.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.000 espectadores.
Relacionadas:
-
O Pontevedra supera a Las Palmas Atlético guiado por un inmenso Kevin Presa (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Asalto do Pontevedra aos postos de play-off
Por Diego Espiño |
-
Javi López lesiónase e fai saltar as alarmas
Por Diego Espiño |
-
O fútbol en horario matinal volve a Pasarón
Por Redacción |
-
O "incómodo" Unión Adarve pon a proba a un Pontevedra á alza
Por Diego Espiño |
-
Rivera e Pibe meten o Pontevedra nos oitavos de final da Copa RFEF
Por Redacción |
-
Alerta amarela no Pontevedra, con ata catro xogadores apercibidos de sanción
Por Diego Espiño |
-
Seriedade e contundencia do Pontevedra na súa visita ao Rápido de Bouzas (1-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |