Amargo desprazamento do Pontevedra CF a Madrid, onde caeu por 2-1 contra o Fuenlabrada, rival directo na loita pola permanencia.
Os granates mostraron o seu mellor cara e non deixaron de pelexar ata o final a pesar de disputar máis de 50 minutos en inferioridade numérica pola expulsión de Luís Martínez. Diego García golpeou primeiro de penalti; Abelenda devolveu a igualdade na segunda metade, pero nun erro defensivo, García fixo o 2-1 que xa foi imposible de remontar.
Dos locais foi a primeira ocasión do partido cun disparo escorado de Diego Campos que se foi moi desviado da portería de Cacharrón aos cinco minutos de xogo. Pero antes foi a xogada que condicionou o devenir do encontro, cunha primeira amarela a Luis Martínez tras un forcexeo cun xogador do Fuenlabrada.
Con todo, custáballe a ambos os equipos enlazar xogadas e perdían moi pronto o esférico, incapaces de chegar con claridade a área rival.
Tivo a primeira o Pontevedra como é habitual. Centro desde a esquerda de Álex González, o balón rexeitouno un defensor e caeu nos pés de Alberto Rubio, que sacou un zurdazo desde a frontal que se foi fóra. Tamén o tentou Charles pouco despois, pero o gardameta local despexou a córner.
Mentres tanto, o Fuenla buscaba o seu momento con balóns á banda esquerda, desde onde Aguirre centraba en busca dalgún rematador co que abrir o marcador. A máis clara foi de Fer Ruiz de cabeza, pero o seu remate foi demasiado frouxo e Cacharrón atrapouno sen problemas.
O partido non tiña dono e as ocasións chegaban a conta pingas. Brais Abelenda cedía a Alberto Rubio, que disparaba desviado, e Fer Ruiz volvía tentalo para os locais, pero Churre desbarataba a súa chegada anticipándose na área pequena.
A máis clara chegou no minuto 31. De novo Aguirre correu a banda, centrou ao 17, que rematou picado entre os tres paus, pero alí estaba un providencial Cacharrón que realizou unha boa estirada para enviar o balón a córner.
E a cinco minutos de chegar o descanso chegou o contratempo para o Pontevedra. Fallaron na súa saída de balón os granates, Fer Ruiz cedeu atrás a Diego García e Luís Martínez lanzouse para tapar o disparo, con tal mala sorte de que lle deu na man. Penalti e segunda amarela para o de Lérez, que deixaba aos seus cun menos. O 9 disparou desde os 11 metros, bateu a Cacharrón polo medio, e anotou o 1-0.
Tocaba remar ao contraxeito e os de Señor envorcáronse en busca do gol do empate, apertando a un Fuenla obrigado a defender. Pero as ocasións non eran claras, os disparos ían demasiado frouxos e Craninx vía pasar os minutos sen as necesidade de intervir nas chegadas granates.
Iso foi ata que se alcanzou o minuto 58. Avisou de xogada ensaiada o Pontevedra de falta afastada e posterior cabezazo de Charles, que acabou en mans do porteiro e, un minuto despois, Brais Abelenda non perdoou. Centro de Alberto Rubio desde a dereita e Abelenda rematou de cabeza ao interior da rede, reencontrándose co gol e devolvendo as esperanzas aos seus.
Moveu ficha Señor tras o gol, metendo artillería en ataque cun Rufo xa recuperado da súa lesión en lugar de Alberto Rubio, e tamén dando entrada a Derik Osede en lugar de Churre, que se tivo que retirar lesionado. Unha de cal e outra de area.
Pero cando parecía que o Pontevedra estaba cómodo, a pesar de estar cun menos, chegou o segundo do Fuenlabrada, que pillou aos granates descolocados en defensa. Pase filtrado a Fer Ruiz, que enviou o balón ao pau, o coiro quedou morto dentro da área, Miguel Román despexou cara a Cristóbal, que cedeu a Diego García para que, sen oposición, fixese o 2-1.
Os de Lérez, a pesar de estar cun menos, non lle perdían a cara en ningún momento ao partido a pesar de estar cun xogador menos e co marcador en contra. O tempo acabábase e urxía outro gol, pero os granates eran incapaces de xerar perigo en área de Craninx e só un milagre podería salvar o encontro. Pero en inferioridade e a pesar das ganas, o Pontevedra foi incapaz de neutralizar ao Fuenlabrada e séguese complicando a súa permanencia en Primeira Federación.
CFF FUENLABRADA (2): Craninx, Aguirre (Amigo, min. 72), Cristóbal, Diego García (Enzo Zidane, min. 89), Santi Jara (Iribar, min. 88), Barbosa, Fer Ruiz (Adalberto, min. 72), R. Bueno (Buer, min. 60), Cubero, Aleix Coch e Álvaro G.
PONTEVEDRA CF (1): Cacharrón, Churre (Derik, min. 67), Miguel Román, David Soto, Álex González, Brais Abelenda, Alberto Rubio (Rufo, min. 62), Charles (Jon Bakero, min. 82), Borja Domínguez, Seoane (Martín Diz, min. 82) e Luís Martínez.
Goles: 1-0, Diego García, min. 39 (p.). 1-1, Brais Abelenda, min. 59. 2-1, Diego García, min. 71.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 26 do grupo I da Primeira Federación disputado no Fernando Torres de Fuenlabrada.