O Froiz e o Farto, representados no Campionato de España Sub-23 de ciclismo

Pontevedra
16 de xuño 2021

Tres ciclistas dos equipos pontevedreses defenderán a Selección Galega na competición nacional que se celebrará en Alacante

Guillermo García durante o Campionato de España Junior Contrarreloxo en 2017 Real Federación Española de Ciclismo

O ciclismo pontevedrés estará ben representado no Campionato de España Sub-23 de ciclismo que se celebra esta semana na provincia de Alacante.

Alí estarán ata tres ciclistas dos dous equipos pontevedrés do pelotón elite e sub-23, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz e o Team Farto- BTC.

Raúl Casalderrey (Froiz) e Guillermo García Janeiro (Farto) son os elixidos por Galicia para a contrarreloxo individual que terá lugar o venres 18 de xuño a partir das 10.30 horas, con 24,7 quilómetros de percorrido na localidade de Busot.

Ambos os dous volverán competir un día despois, o sábado, na carreira en liña (16.30 horas), na que tamén estará Manuel Rodríguez (Froiz) xunto a Alejandro Paz (Aluminios Cortizo), José Carlos Trillo (Team Oiense), Yago Lorenzo (Team Oiense), Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas) e Andrés Taboada (Vigo-Rías Baixas). 

A proba de fondo terá como escenario La Nucía cun percorrido de 133,4 quilómetros no que destaca o Alto de Turrón Duro, un porto de case 5 quilómetros de lonxitude cun desnivel medio do 8,1% que se ascenderá en tres ocasións.