Samuel Blanco, recente campión de España de ciclismo en ruta en categoría elite, protagonizou este martes unha recepción oficial na Deputación de Pontevedra.
O ciclista redondelano do Grupo Deportivo Supermercados Froiz entregou unha réplica da súa camisola de campión ao deputado provincial Gorka Gómez.
"Este triunfo foi un momento apoteósico e quixemos compartir a felicidade que sentimos coa Deputación, que sempre nos apoia", explicou no acto o director do equipo pontevedrés, Evaristo Portela.
O deputado provincial pola súa banda puxo en valor a todo o equipo do Froiz e ao seu rendemento nun ano tan complexo como o actual debido á pandemia, e aproveitou para anunciar a continuidade do patrocinio da institución coa escuadra alimenticia.
En canto ao protagonista deportivo, Samuel Blanco cualificou a súa vitoria no campionato nacional como un "triunfo traballado" e a pesar da súa recente caída en Cantabria fixou o que será o seu seguinte obxectivo, conseguir vencer na Volta a Galicia.