A última reunión da comisión delegada da Federación Galega de Baloncesto serviu para facer oficial a finalización de todas as competicións a nivel autonómico e o regreso do Arxil Mafari á Primeira Nacional do baloncesto feminino español.
O filial do conxunto verde conseguira clasificarse á fase polo título e o ascenso, na que derrotaron ao Ensino de Lugo e ao Culleredo, antes do parón da liga polo estalido da pandemia do coronavirus.
Diante da imposibilidade de retomar os partidos e os desprazamentos dos equipos en condicións de máxima seguridade, a Federación acordou dar por finalizadas as competicións e outorgar o dereito de ascender de categoría ao Arxil Mafari e ao Peleteiro de Santiago.
Con este logro, as xogadoras de Lino Väzquez regresan por segundo ano consecutivo a unha categoría na que se terán que enfrontar a equipos de Asturias, Cantabria e Galicia, na primeira fase; e aos de Castela e León, na segunda.
Desde o club valoran este ascenso como a certificación do bo traballo que están a realizar nas categorías inferiores, nas que o equipo júnior xogarase o ascenso no mes de setembro despois de acabar primeiro a súa liga regular. As cadetes, infantís, preinfantiles e minis mantéñense nas primeiras divisións.