O Festival Multideporte de tríatlon continúa coa súa conta atrás abrindo inscricións

Pontevedra
10 de setembro 2018

O maior evento deportivo acollido nunca por Pontevedra, o ITU Multisport Festival 2019, dá un paso máis na súa organización abrindo o período oficial de inscricións. A cidade recibirá centos de deportistas para cada un dos cinco mundiais de tríatlon previstos

Bandeira do ITU Multisport Festival 2019 na Praza de España PontevedraViva

O maior evento deportivo acollido nunca por Pontevedra, o ITU Multisport Festival de tríatlon, está cada día máis preto de ser unha realidade.

A organización do evento abre este luns 10 de setembro as inscricións para os centos de deportistas que se esperan en cada un dos 5 mundiais de tríatlon previstos e que encherán a Boa Vila do 27 de abril ao 4 de maio de 2019.

As inscricións para as diferentes competicións previstas poden formalizarse a través da páxina web do evento, www.pontevedra2019.org.

Segundo establece o calendario oficial do ITU Multisport Festival, os días 27 de abril e 28 de abril disputaranse as carreiras de dúatlon, o 30 de abril o Mundial de tríatlon cros, o 2 de maio o de acuatlón e o 4 de maio o de tríatlon de longa distancia e o de aquabike.