O Farto promete "un plantexamento agresivo tentando romper a carreira" na cita da Copa de España na casa

Pontevedra
23 de marzo 2022

O conxunto pontevedrés non contará no Gran Premio Cidade de Pontevedra, segunda proba puntuable da Copa de España, con dúas dos seus tres líderes, pero promete batalla para tentar obter un bo resultado

O Team Farto presenta o seu equipo para a tempada 2022 no Pazo da Cultura Mónica Patxot

É unha cita marcada en vermello no calendario para o Team Farto-BTC, e é que poucas veces un equipo ciclista profesional como o pontevedrés pode correr ante a súa xente. Por iso o Gran Premio Cidade de Pontevedra, segunda carreira puntuable da Copa de España Féminas Elite e Sub-23, afróntana con moitas ganas de brillar.

"Estamos moi ilusionados de volver correr na casa e, como o ano pasado, faremos un plantexamento agresivo tentando romper a carreira e obter un bo resultado", recoñece Brais Dacal, mánager do Farto.

O conxunto ciclista confirmou a formación de nove ciclistas que defenderán as súas cores o vindeiro domingo 27 de marzo en Pontevedra, unha carreira na que non estarán dúas das súas tres líderes como son a chipriota Christoforou e a mexicana Ariadna Gutiérrez. "Están a adestrar para as carreiras profesionais de abril e maio, facendo unha preparación específica. A carreira de casa é importante para nós, pero as viaxes longas que teñen que facer para tan só un día de competición interromperían o ciclo de traballo, polo que optei por que non corran o domingo", explica Dacal.

A pesar diso o plantel do primeiro equipo profesional feminino galego confía en ser competitivo con Marie-Soleil Blais, Marga Capellà, Carla Fernández, Claudia García, Pilar Jiménez, Sabela Rey, Marta Romeu, Marta Rosillo e Lina Svarinska. A elas uniráselles tamén a júnior Sonia Domínguez.

O Gran Premio Cidade de Pontevedra será tamén unha oportunidade para manterse nos primeiros postos da clasificación nacional, no que o Farto colocouse como terceiro do ano impulsado pola boa actuación de Marta Romeu na primeira carreira da Copa de España, onde foi sétima, e dos seus líderes nas primeiras citas da tempada no calendario profesional.