O Farto anuncia a fichaxe de "un dos grandes talentos novos do país", a cántabra Sandra Gutiérrez

Pontevedra
12 de xaneiro 2024

Trátase da segunda incorporación do equipo pontevedrés, que esta tempada rearma o seu proxecto tras non poder renovar a súa licenza como escuadra UCI Continental

Sandra Gutiérrez, nova ciclista do Team Farto Team Farto - BTC

O Team Farto - BTC rearma o seu novo proxecto deportivo, tras non poder renovar a súa licenza como equipo UCi Continental Feminino.

A formación pontevedresa anunciou este venres á súa segunda incorporación, asegurando que se trata de "un dos grandes talentos novos do país".

A ciclista en cuestión é a cántabra Sandra Gutiérrez, corredora aínda en idade sub-23 que procede do Bizkaia Durango e que xa atesoura unha importante experiencia participando en carreiras como o Giro de Italia ou La Vuelta.

"Coñezo ben o proxecto e estaba convencida de que era o mellor sitio para seguir progresando", asegura a nova ciclista do Farto, que afronta o novo reto con "moitas ganas e ilusión de facer un bo ano".

Pola súa banda o mánager do equipo, Brais Dacal, defendeu tras a fichaxe que "creo que ten capacidade para converterse nunha boa profesional e traballaremos con ela para logralo".

Gutiérrez é a segunda incorporación do Farto tras a da xoven galega Andrea Prado, procedente do Club Ciclista Betanzos.