"Que pensen en Magín Froiz para ter unha boa tempada". É un consello do mítico ciclista francés Laurent Jalabert que participou este venres, a través dunha mensaxe gravada en vídeo, no acto de presentación oficial do Grupo Deportivo Supermercados Froiz. Non foi unha posta de longo habitual, ninguén quixo perderse unha cita na que se enxalzou o labor de Magín Froiz para converter ao seu equipo ciclista nunha referencia, con 34 anos de historia ininterrompida, no ciclismo nacional amateur.
A presenza do excorredor do equipo ONCE non foi casualidade. O fundador de Froiz sempre poñía ao escalador como exemplo de deportividade. Namorouse del no ano 1995 cando, xogándose o título da Volta a España, cazou a un quilómetro de meta ao corredor que encabezaba a etapa, que levaba 200 quilómetros de fuga en solitario. O alemán Drietz estaba extenueado e o francés chegaba lanzado. Por detrás Abraham Olano apertaba, pero nun alarde de deportividade Jalabert baixou o ritmo, perdendo uns valiosos segundos na xeral, para ceder a vitoria a un heroico Bert Dietz.
Unha lección de deportividade, xenerosidade, solidariedade e compañeirismo que acompañou desde a súa fundación ao Grupo Deportivo Supermercados Froiz. As vitorias eran secundarias para Magín, a primeira chamada que recibía Evaristo Portela, director do equipo, ao finalizar cada carreira era do seu xefe de filas. Nunca para preguntar se gañaran ou para reprochar por unha mala actuación, a saúde dos seus ciclistas.
Conducido polo xornalista Terio Carrera, o acto virou ao redor da figura do fundador do equipo ciclista. Un acto perseguido pola fatalidade e que se suspendeu ata en dúas ocasións. A primeira, polo naufraxio do Villa de Pitanxo; a segunda, pola perda de Magín Froiz.
Esta vez o destino non quixo embazar a posta de longo dun equipo que este ano volve ás súas orixes cunha decidida aposta pola tempada de ciclocrós, sen perder de vista as grandes voltas nacionais cun plantel, encabezado por Alejandro Gómiz e Carmelo Urbano, moi prometedor.
Unha actuación do grupo folcórico de Poio Vides Novas protagonizou a apertura, pasadas as 12 do mediodía, dun evento ao que acudiu alumnado do SEK, ciclistas das categorías inferiores do club, personalidades ligadas ao ciclismo galego como Ezequiel Mosquera, Álvaro Pino ou Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e representantes de institucións e patrocinadores como Miguel Anxo Fernández Lores, Lupe Murillo ou Nava Castro.
Despois de repasar os grandes hitos dos 34 anos de historia da escuadra alimenticia, que é unha peza fundamental do circuíto de carreiras amateur españolas, pero que tamén chegou a competir a nivel profesional en países como Portugal ou Bélxica; a concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, tomou a palabra para recoñecer e agradecer o gran labor realizado tanto polo equipo como polo seu fundador ao longo destes 34 anos de historia. Un discurso similar ao pronunciado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, que se encargou de baixar o pano dunha presentación inesquecible.
A continuación, chegou o momento de presentar aos especialistas que este ano retomaron para o Supermercados Froiz a tempada de ciclocrós. Un a un, Terio Carrera, foi chamando e entrevistanto no escenario a Miguel Rodriguez, vixente campión da Copa de España sub 23, Laura Mira, Uxía Soto, Rosalía Ortiz, Fabián Rodríguez e Gonzalo Inguazo, único corredor alimenticio que non puido asistir ao acto.
Logo tivo lugar uno dos momentos máis emotivos do acto ao lembrar o último gran éxito do equipo de Poio. Hai 25 anos, Abel Maceira daba ao Froiz o seu último campionato de España de ciclocrós. Foi sobre o barro de Biscaia nunha proba na que o propio corredor, que se emocionou ao ver as imaxes, recoñeceu non querer participar, pois admitiu ao seu xefe de filas que non estaba nun bo momento deportivo e prefería dar a oportunidade aos mozos.
Tras unha entrega de agasallos do club aos asistentes máis pequenos á gala, o acto continuou cun discurso do secretario xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete Lasa, quen repasou o palmarés do equipo para poñer en valor o excelente traballo realizado tanto por Magín como por Evaristo Portela.
Continuou o evento cunha nova rolda de presentacións. Esta vez foi a quenda do equipo de estrada composto por Aroa Otero, Marta Estevez, Raúl Casalderrey, Manuel Rodríguez, recente gañador dunha etapa en Portugal na Volta do Futuro, Santi Cadavid, Javier Pajares, Javier Lopez, Ruben Fandiño, Pedro Monroy, Neo Martinez, Diego Martin Lazaro, Alejandro Gómiz, Carmelo Urbano; estes dous últimos son a punta de lanza do equipo para facerse coa Copa de España, o gran obxectivo do equipo alimenticio ano tras ano.
Con todo o seu equipo no escenario, Evaristo Portela tomou a palabra para recoñecer e presumir de que "o Froiz é o mellor equipo de España grazas a Magín". Unha mete que se marcou hai anos cando, nunha carreira de veteranos en Moraña, a actuación do equipo, do que o popio Portela formaba parte, decepcionou ao fundador. Como era habitual, ningún reproche lanzoulle Magín, "pero noteillo na cara", relatou Portela o punto de inflexión no devir deste equipo ciclista.
O obxectivo do club este ano non é conseguir ningún título, senón "dar un punto máis, traballar ao 110 % para que o señor Froiz estea orgulloso do seu equipo", rematou o director deportivo da entidade.
Xa nos minutos finais do acto, chamou Carrera ao escenario a Braulia, filla de Magín, quen recibiu de mans de Portela un pequeno obsequio que o equipo quixo entregar a Josefa, viúva de Magín.
Tras o vídeo de Jalabert, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subiu ao escenario para lembrar a boa relación que mantiña co fundador de Froiz. "Eu tiven a sorte de querelo", recoñeceu con nostalxia. "El sabia que o deporte era un instrumento fundamental para construír unha sociedade boa", continuou a mandataria, quen pechou o seu discurso destacando a transcendencia da creación do equipo feminino. "Froiz aposta polo equipo feminino o que demostra que é máis que un equipo", resolveu.
Sen estar previsto na escaleta, o agarimo mostrado por toda a familia deportiva do Supermercados Froiz motivou unha nova subida ao escenario de Braulia, que non puido evitar dedicar unhas palabras aos asistentes. Fíxoo despois de recibir outro agasallo, este aínda máis especial, consistente nun retrato de Magín Froiz subido nunha bicicleta realizado polo artista padronés Alfonso Noia.
"Sentímonos moi apoiados e acompañados", comezou Braulia Froiz un emocionado discurso co que animou a todos os presentes a, como sempre dicía o seu pai "facer cada día as cousas un pouquiño mellor".