O esperado derbi entre Pontevedra e Arosa na Segunda RFEF xa ten data e hora

Pontevedra
17 de novembro 2021

O encontro correspondente á xornada 13 de liga disputarase o domingo 28 de novembro no Estadio Municipal de Pasarón coas cámaras da TVG2 en directo

Último Pontevedra-Arosa en Pasarón, na tempada 14-15 Diego Torrado

Pontevedra Club de Fútbol e Arosa SC teñen esta fin de semana citas importantes en liga, visitando o primeiro ao Real Avilés e o segundo recibindo na casa o Salamanca, pero no horizonte para ambos os dous empeza a asomar o esperado derbi provincial.

O encontro de rivalidade local, que se puido vivir no recente periplo dos granates pola Terceira División, non se dá na Segunda  B ou actual Segunda RFEF desde a campaña 93-94, na que o resultado nos dous choques foi de triunfo visitante por 1-2.

Nesta ocasión o derbi xa ten data e hora confirmada, tal e como aparece reflectido no calendario oficial da Real Federación Española de Fútbol.

Esa data será no horario preferido dos dous, o domingo ás 17.00 horas, concretamente o día 28 de novembro no Estadio Municipal de Pasarón.

Para o que aínda haberá que esperar uns días, ata que pase a xornada previa pendente, será para coñecer os prezos fixados polo Pontevedra para o partido, ao esperarse unha importante presenza de afeccionados arosistas nas bancadas do coliseo granate.