O especialista defensivo Alejandro Conde apúntase ao novo reto do Cisne

Pontevedra
12 de xullo 2023

O pivote renova por un ano e cumprirá a súa oitava tempada como integrante do conxunto pontevedrés

Alejandro Conde, no partido entre Club Cisne Balonmano e Sinfín no Príncipe Felipe Cristina Saiz

O Cisne segue sumando pezas para o seu novo proxecto en División de Honra Prata. Alejandro Conde renova o seu contrato co equipo branco para cumprir o seu oitavo ano na disciplina cisneísta.

"Estou moi contento pola miña renovación, será o meu oitavo ano no Cisne. Esperemos vivir un gran ano para todos”, declarou o especialista defensivo no vídeo que empregou o club para informar da renovación a través das súas redes sociais.

Na última tempada, Conde foi un dos piares da estrutura defensiva do equipo de Javi Márquez ao completar un total de 24 partidos disputados. No plano anotador, contribuíu tamén con 13 goles anotados.

Con esta última renovación, o primeiro equipo do Cisne conta xa con 13 xogadores para a nova tempada en División de Honra Prata: Abián Rodríguez, Mateo Arias, Gualther Furtado, Roney Franzini, Iván Calvo, Dani Serrano, Bruno Vázquez, Rubén Etayo, Javi Vázquez, Conde, Arboleya, Carlos Ocaña e Alberto Delgado.