O equipo masculino do Waterpolo Pontevedra recupera o cetro autonómico catro anos despois

Pontevedra
16 de maio 2023

Catro anos despois o Club Waterpolo Pontevedra conseguiu un novo título de Liga Galega Absoluta Masculina de Waterpolo. É o quinto título de liga absoluta masculina para o club pontevedrés nos seus 25 anos de historia

Equipo masculino do Waterpolo Pontevedra que conquistou o título galego Club Waterpolo Pontevedra

Catro anos despois, cun importante cambio de ciclo no equipo e cun pandemia por medio, o equipo masculino do Club Waterpolo Pontevedra volve ser campión galego.

Trátase do quinto título de Liga Galega Absoluta Masculina de Waterpolo nos 25 anos do club pontevedrés.

Despois dunha sobresaliente traxectoria, o campionato pechouse cunha contundente vitoria a domicilio por 6-20 ante o Marina Ferrol.

Todo iso nunha tempada na que o Waterpolo Pontevedra viviu un cambio de adestrador, tivo que sobrepoñerse á falta de horas de piscina para adestrar e superou baixas de xogadores con moita experiencia.

Como premio, o título dálle ao equipo pontevedrés a posibilidade de viaxar a próxima fin de semana a Granada para disputar o Campionato de España de Waterpolo de 3ª División Masculina, no que participarán unha decena de equipos de todo o territorio nacional.