O equipo do ascenso dá a talla na Primeira RFEF

Pontevedra
20 de setembro 2022

Durante as catro primeiras xornadas de liga só unha das fichaxes do Pontevedra, Ángel Bastos, consolidouse no once inicial dos granates, sendo o resto futbolistas que xa estaban no equipo en Segunda RFEF. A pesar diso, o rendemento dos de Antonio Fernández non se viu resentido

Partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor Mosrey Fotografía

Pode un equipo de Segunda RFEF competir nunha categoría superior con garantías? O Pontevedra Club de Fútbol está a demostrar que a diferenza coa Primeira RFEF, aínda que importante, non é decisiva.

Nas catro primeiras xornadas de liga Antonio Fernández tirou do equipo do ascenso nas súas aliñacións, e o rendemento dos granates está a ser positivo, rascando empates ante dous dos claros favoritos ao ascenso como o Alcorcón e o Deportivo e gañando ao recentemente chegado Talavera, co único lunar da derrota no campo do San Sebastián de los Reyes a pesar da boa imaxe mostrada.

A continuidade do bloque que dominou o seu grupo en Segunda RFEF permitiu ao técnico apoiarse nos xogadores importantes do pasado curso buscando un axuste e uns automatismos xa adquiridos entre os futbolistas. De feito ata a data só un das fichaxes, Ángel Bastos, consolidouse no once inicial en substitución do lesionado Seoane. Ao lateral súmaselle Jon Bakero cunha titularidade, ante o Sanse.

O resto de titulares xa estaban no equipo o curso pasado. Cortés en portería; Soto e Churre na zaga; Román e Yelko na sala de máquinas; Álex González e Brais Abelenda foron da partida nos catro encontros, mentres que Charles e Oier Calvillo saíron de fronte en tres ocasiones, Rubio e Samu Araújo en dous e Rufo nun partido.

No resparto de minutos catro homes xogárono absolutamente todo, como son Cortés, Bastos, David Soto e Churre, cun total de 360 minutos, seguidos de Álex González (349), Brais (334), Yelko (313) e Miguel Román (305), os únicos que superan a barreira dos 300 minutos de xogo.

O once de Segunda RFEF rende, aínda que para competir con garantías na Primeira RFEF faise necesaria unha maior profundidade de banco, algo que parece gañar o cadro granate, que nota menos que a liga pasada os cambios, e é que cando Antonio decide mover a árbore do banco aparecen xogadores consolidados e con traxectoria en categorías importantes como Borja Domínguez, Mario Ortiz ou Jon Bakero, ademais dun Rufo que en tres ocasiones participou desde o banco de suplentes. Outro que participou é o mozo Libasse Guèye.

Non se estrearon de momento, ademais dos lesionados e canteiráns, os fichados Luís Martínez, Álex Mosogo e o gardarredes Nikolov. A todos chegaralles a súa oportunidade, pero xogar agora mesmo no Pontevedra cotízase caro.