O Club Waterpolo Pontevedra vén de pechar a tempada do seu 20 aniversario, e fíxoo cos mellores resultados da súa historia confirmando o paso adiante que deu especialmente no que respecta a as súas categorías inferiores.
Apenas unha semana despois de que o equipo xuvenil conseguise unha sobresaliente medalla de bronce no Nacional de 2ª Categoría organizado en Marín, o conxunto cadete tomou a testemuña para conseguir un máis que meritorio noveno posto no Campionato de España.
A competición tivo lugar na piscina Municipal de Lloret de Mar (Xirona), organizado polo CN Mataró e coa participación de 21 equipos do territorio nacional. Entre eles atopábanse 4 equipos cataláns e 3 madrileños, o que outorgaba unha maior dificultade debido ao potencial destas comunidades.
O Pontevedra comezou a previa ante CN Metropole (Canarias) e Claret Askartza (País Vasco), ambos os dous con equipo absoluto na Liga Nacional. A pesar da derrota ante os primeiros (9-12), o triunfo ante o Askartza (13-9) deulles a primeira posición de grupo por diferencia de goles.
Clasificados para oitavos de final, o rival foi o anfitrión, o CN Mataró, que non deu opción vencendo por 2-18.
Desta forma os pontevedreses entraban na loita polos postos 9 a 16, contra 8 equipos dun nivel similar ao seu, xa sen cataláns nin madrileños, e aí conseguiron ser os mellores do campionato. Venceron a CN Jerez (12-11), de novo Claret Askartza (7-6) e CW Jerez (8-5) para selar un fantástico torneo.
Cabe destacar que o CW Pontevedra competiu no Nacional Cadete con 8 xogadores que participaran unha semana antes no Xuvenil de 2ª Categoría.