O equipo absoluto feminino do Waterpolo Pontevedra inicia a tempada como 'supercampión' galego

Pontevedra
29 de outubro 2019

As pontevedresas proclamáronse vencedoras da Supercopa Galega celebrada a fin de semana en Lugo

Equipo feminino do Waterpolo Pontevedra Club Waterpolo Pontevedra

O primeiro título da tempada do waterpolo feminino galego foi a parar ao Waterpolo Pontevedra, seguindo a tónica dominadora das últimas campañas.

Tres equipos déronse a cita a fin de semana en Lugo para competir pola Supercopa Galega Absoluta. As pontevedresas chegaban como actuais campioas da liga e copa autonómicas, e enfrontábanse ao subcampión de ambas as competicións, o CW Santiago e ao CW Pabellón Ourense.

Comezou con forza o Pontevedra no seu primeiro encontro, contra o bloque ourensán. Así chegaban ao descanso cun contundente 9-1 ao seu favor que lles permitía dosificar esforzos pensando no duelo decisivo que esperaba despois. O resultado final deste partido foi de 18-4.

Todo se decidiría no duelo ante o Santiago, Medíanse os dous finalistas de liga e copa do curso pasado e as pontevedresas volveron demostrar o seu bo momento. Comezaron con acerto, con bo traballo defensivo e creando ocasións de ataque para distanciarse xa no primeiro cuarto por 4-1. Con esa intensidade, foron ampliando as distancias en cada cuarto para vencer finalmente por 15-7.

Primeira alegría por tanto da tempada que reforza o traballo de preparación pensando no curso que acaba de iniciarse.