O documental sobre a vida do boxeador marinense Aarón González busca mecenas

Marín
09 de novembro 2020

O produtora Trece Amarillo iniciou unha campaña de micromecenado en busca de 5.000 euros que permitan afrontar a posprodución do documental, titulado 'Devolvendo o golpe' e que pretende estrearse en marzo de 2021 no cinema Seixo

Rodaxe do documental 'Devolvendo o golpe' sobre o boxeador Aarón González

Hai xa máis dun ano da súa rodaxe, pero agora necesita un último impulso para ver a luz.

A produtora Trece Amarillo iniciou estes días unha campaña de micromecenado en busca de financiamento que lle permita afrontar a posprodución do documental 'Devolvendo o golpe', traballo audiovisual dirixido polo marinense Carlos Prado e centrado na vida dun dos seus veciños, o boxeador Aarón González.

O documental pretende contar a historia de superación do púxil, natural de Mogor, que aos 10 anos sufriu un atropelo que lle ocasionou unha larguísima recuperación. Con todo conseguiu superar todos os obstáculos ata chegar a proclamarse campión de España de boxeo olímpico.

"Sabemos que non é o momento idóneo porque a situación coa COVID é moi complicada e hai moita xente que o está pasando mal, pero creo que esta historia de Aarón e a súa familia pode servir de exemplo de superación, que temos que seguir adiante e que, por mal que vaian as cousas, non hai que tirar a toalla e levantarse da lona, como fixo Aarón. Este documental pode inspirar a moita xente", sinala Prado.

A meta de 'Devolvendo o golpe' está cada vez máis preto, e é que a intención é estrear este traballo 100% marinense en marzo de 2021 no cinema de Seixo.

A campaña de micromecenado, aloxada na web www.verkami.com, centra o seu obxectivo en conseguir 5.000 euros, tendo nas súas primeiras horas unha importante aceptación. 

Segundo a achega de cada mecenas, as recompensas ofrecidas por parte dos responsables do proxecto son, entre outras, que o nome apareza nos créditos do documental (10 euros), o nome nos créditos xunto a unha ligazón para velo na casa (20 euros) ou sumar ao anterior un cartel do documental asinado (25 euros), unha entrada dobre para a estrea no cinema de Seixo (35 euros) e unha camiseta do Team Thunder asinada por Aarón González (45 euros).

Ademais se a aportación é maior pódese optar a unhas luvas de boxeo asinados, a clases particulares do campión nacional ou a asistir á próxima edición da Copa Galicia.