O dianteiro Charly López, procedente do Zamora, segunda fichaxe do Pontevedra

Pontevedra
29 de xuño 2023

O ariete coruñés formado na canteira do Racing de Ferrol estivo o curso pasado ás ordes de Yago Iglesias no Zamora, ao que chegou no mercado de inverno e anotou seis goles na segunda volta do campionato. Antes estaba no Bergantiños, co que conseguiu nove tantos na primeira metade da tempada pasada de Segunda Federación

Carlos López 'Charly' (dereita) no partido entre Pontevedra e Cerceda en Pasarón da tempada 17-18 Diego Torrado

O Pontevedra avanza na planificación do plantel para a nova tempada. Tan só 24 horas despois de facer oficial a primeira fichaxe do mercado de verán, o club granate confirma unha nova alta. Trátase do dianteiro Charly López que procede do Zamora, ao que chegou o pasado mercado de inverno desde o Bergantiños. Asina en Pasarón por dúas tempadas

Con ambos os equipos competiu en Segunda Federación a pasada campaña anotando un total de 15 goles, nove co cadro galego e seis co castelán leonés. 

Trátase dun dianteiro de 27 anos de idade formado na canteira do Racing de Ferrol, co que chegou a debutar no primeiro equipo en Segunda B aínda en idade xuvenil. Tras abandonar A Malata, asinou polo Cerceda en Terceira División contribuíndo con 7 tantos ao ascenso do equipo coruñés a Segunda B na tempada 2016/2017. Na división de bronce, na que se enfrontou ao seu novo equipo, Charly só puido anotar dous tantos a pesar de ser unha peza importante no errado proxecto da escuadra blanquirroja.

Con todo, foi nas Pontes onde explotou como goleador. Primeiro en Preferente e logo en Terceira División ao anotar 23 e 16 tantos en cada unha das dúas tempadas que formou parte do conxunto coruñés. De aí deu o salto ao Bergantiños, onde permaneceu dúas tempadas e medio. Foi o seu bo facer na primeira metade da recentemente concluída tempada a que lle abriu as portas dun dos grandes equipos do grupo I da Segunda Federación, o Zamora.

Ás ordes do actual adestrador do Pontevedra, Charly López anotou seis tantos que permitiron ao equipo clasificarse para a fase de ascenso a Primeira Federación.

Yago Iglesias é bo coñecedor das características do seu novo ariete e tratará de aproveitalas ao máximo no novo proxecto que inicia este ano en Pasarón, na que Charly, por agora, compartirá dianteira con Rufo. 

Coa súa chegada do ariete de Ares e do extremo Chiqui, unida á renovación de Churre, pasan a ser once os xogadores con contrato en vigor, uníndose a unha lista na que tamén están Luís Martínez, Ángel Bastos, Yelko Pino, Borja Domínguez, Álex González, Rufo, Oier Calvillo e Víktor Nikolov.