O derbi entre Teucro e Atlético Novás, plato forte da xornada na División de Honra Prata

Pontevedra
13 de decembro 2019

Quique Domínguez regresa ao Pavillón Municipal (20:30 horas) ao mando dun Novás que pretende agudizar o mal momento dos teucristas. O líder, o Club Cisne, recibe pola súa banda o Amenabar Zarautz (19:00 horas) no  CGTD

Luis Montes e Quique Domínguez, nun adestramento do Teucro no Municipal no curso 17/18 Mónica Patxot

Partido de alta tensión o que se vivirá este sábado (20:30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes entre Sociedad Deportiva Teucro e Atlético Novás.

Quique Domínguez regresa á que foi a súa casa ao mando do conxunto do Rosal, que chega coa intención de materializar o 'sorpasso' ante o  vicedecano do balonmán nacional cun triunfo no derbi que agudizaría o mal momento dos pontevedreses xusto cando chega o parón do Nadal.

A pesar dos seus irregulares resultados, o Teucro mantense quinto con 13 puntos (11 ten o Novás), pero "la liga está tan igualada que perder supondría quedar prácticamente empatados con la promoción de permanencia", recoñece Luís Montes.

O técnico teucrista reencontrarase co que foi o seu compañeiro de traballo durante catro tempadas "muy buenas. Le tengo mucho aprecio personal y admiración profesional", asegura Montes, pero cando o crono empece a correr "sólo nos importarán los puntos". O que fóra segundo de abordo de Domínguez en Pontevedra ve o Atlético Novás como un equipo que "está creciendo mucho", cun estilo de xogo parecido e que "cada día está jugando mejor".

Ferrán Cisneros, que non volverá xogar esta campaña, é a única baixa do Teucro para a cita. Os azuis, confirmou o seu adestrador, non teñen previsto buscarlle substituto no mercado e manteranse con 12 xogadores do primeiro plantel contando coa achega que ofrezan os canteiráns.

O CISNE RECIBE O ZARAUTZ

Eclipsado polo derbi, pero non menos importante, é o partido que afrontará tamén en casa o Club Cisne Balonmán, que recibe este sábado (19:00 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o Amenabar Zarautz.

Os de  abato seguen no medio dun bonito soño e buscan a súa sétima vitoria consecutiva para consolidarse aínda máis nun liderado que pase o que pase manterán durante o parón a pesar de xogar un partido menos que a maioría dos seus rivais.

O conxunto vasco preséntase en Pontevedra sen puntuar aínda a domicilio e con só 4 puntos no seu haber, na penúltima posición.

Antes do partido o Cisne levará a cabo a tradicional presentación de todos os seus equipos, con discursos incluídos do adestrador do primeiro plantel e do presidente, Santiago Picallo.