O Deportivo visitará Pasarón nunha pretempada que para o Pontevedra arranca o luns 22 de xullo

Pontevedra
17 de xullo 2024

O equipo coruñés, recentemente ascendido a Segunda División, visitará o coliseo granate este próximo sábado 27 de xullo no primeiro encontro de preparación para o Pontevedra

Primeiro adestramento do Pontevedra de Yago Iglesias Cristina Saiz

A pretemporada do Pontevedra Club de Fútbol ponse en marcha.

Os futbolistas do primeiro plantel granate están citados o vindeiro luns 22 de xullo para iniciar os adestramentos ás ordes de Yago Iglesias, o que deixa xusto seis semanas de preparación ao equipo antes do debut ligueiro na Segunda RFEF previsto para a fin de semana do 31 de agosto e 1 de setembro.

Antes desa primeira sesión de traballo, os xogadores someteranse a un recoñecemento médico no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez entre o xoves e o venres.

Serán os primeiros pasos do novo proxecto granate, que se presentará ante a súa afección cunha gran cita sen apenas adestramentos ás súas costas, e é que o Pontevedra anunciou o que será o seu primeiro amigable estival, e non será outro que o Real Club Deportivo.

O equipo coruñés, recentemente ascendido á Segunda División, visitará o Estadio Municipal de Pasarón o vindeiro sábado 27 de xullo ás 20.00 horas.