A provincia de Pontevedra celebrou este venres a súa gala provincial do deporte na Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo, onde o presidente da Deputación, Luis López, situou o deporte como un "piar estratéxico para o goberno provincial pola seu potencial para facer ir a máis a provincia tanto en materia de turismo como de benestar social".
Nesta ocasión, os deportistas galardoados foron o atleta Carlos Pérez ou o remeiro Franco Cobas, aos que calificou como "lendas" antes de agradecer o seu papel como "os precursores, os que abristes ás portas ás novas xeracións de atletas, remeiros e deportistas que hoxe nos enchen de ilusión".
López, durante a súa intervención, tamén lembrou o éxito doutros deportistas como Tere Abelleira, cuestionando "Quen non sentiu que estabamos a gañar moito máis que un Mundial cando voltou a Galicia cunha medalla de ouro?".
No seu discurso, o presidente da Deputación aproveitou para destacar o valor que ten a provincia "no seu conxunto" para practicar deporte, sendo "un enorme recinto deportivo con circuítos de ciclocrós ou BTT, ríos ideais para piragüismo e rías fenomenais para regatas; cantís, sendeiros e picos para a práctica da escalada, o canicrós ou o montañismo. A nosa provincia xunta en menos de 5.000 quilómetros cadrados: natureza, deporte e turismo. Somos unha das provincias máis pequenas, en extensión, de España. Pero somos grandes en deporte. Crédeme cando digo que Pontevedra á desfrutar".
Por estas razóns defende que "o deporte é un sector estratéxico. O deporte é saúde física e mental, é socializar, é equilibrio territorial, educación, economía e turismo. O deporte fainos ir a máis", subliña López. E neste sentido volveu remarcar o seu compromiso pola organización de eventos deportivos en todos os concellos da provincia, poñendo como exemplo o partido que a Selección Española de Fútbol xogará o 1 de decembro no estadio de Pasarón nun encontro oficial da Liga de Nacións Feminina contra o combinado italiano.
Sobre o apoio ao deporte, engadiu a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias a intención da Deputación de seguir apoiando o deporte de base co fomento das escolas deportivas para que as nenas e nenos dos concellos se inicien no deporte e destacou os "tempos emocionantes" que está a vivir o deporte da provincia con "recoñecementos en competicións do máis alto nivel internacional".
O acto estivo conducido polo xornalista Terio Carrera e a deportista Desiree Vila e contou coa actuación da banda Eladio y Los Seres Queridos, así como unha exhibición do Club de Patinaxe Artística Gondomar.
López e Fernández-Tapias entregaron un agasallo aos deportistas homenaxeados pola súa traxectoria, nun acto no que tamén se recoñeceu os logros dos deportistas de elite e de base aos que a Deputación presta apoio entregando formalmente as axudas aos 179 deportistas elite e as 96 novas promesas.