O deporte pontevedrés súmase á Operación Quilo online do Banco de Alimentos

Pontevedra
02 de maio 2020

A campaña, deseñada co hashtag #YoAyudoAlBancoBueno, xurdiu para axudar ás persoas máis desfavorecidas durante o actual estado de alarma polo coronavirus

Pablo Dapena, apoiando a Operación Quilo online do Banco de Alimentos Banco de Alimentos

Aínda que as recollidas de alimentos presenciais foron canceladas con motivo do coronavirus, o Banco de Alimentos continúa coa súa Operación Quilo online, e o deporte pontevedrés non quixo quedar atrás botando unha man á iniciativa.

A campaña, deseñada co hashtag #YoAyudoAlBancoBueno e que en tan só unha semana recolleu máis de 40.000 quilos de alimentos, xurdiu para dar resposta á mobilización solidaria dun grupo de Whatsapp encabezada polo cantante Amaro Ferreiro e pola escritora Ledicia Costas.

A esta iniciativa fóronse incorporando agora rostros deportivos como a regatista Támara Echegoyen, o triatleta Pablo Dapena, os piragüistas Teresa Portela e David Cal, o atleta Jean Marie Okutu, a ciclista Irene Trabazo ou a presidenta da Ximnástica, Charo Castro. 

Entre todos eles axuntaron esforzos para axudar ás persoas máis desfavorecidas durante o actual estado de alarma polo coronavirus e, desde a ONG, agradecen o gran respaldo social que están a ter e animan á cidadanía para continuar coas doazóns vía online para seguir axudando ás familias sen recursos.

A golpe de click, a través da páxina web do Banco de Alimentos (www.bancoalimentosvigo.org/ok-on-line/), o doante poderá comprar tres tipos de cestas por importe de 10 euros, 20 euros e 30 euros, así como prefijar unha cantidade de diñeiro calquera que tamén se traducirá en adquisición de comida.