O contragolpe do Mérida noquea o Pontevedra (2-0)

Pontevedra
01 de outubro 2022

Chegou a derrota para o Pontevedra CF unha vez máis, a domicilio. E é que o cadro granate segue sen saber o que é gañar fóra de Pasarón despois de caer este sábado ante un efectivo Mérida que fixo dano ao contragolpe

Partido entre Mérida e Pontevedra no Estadio Romano Mérida AD

Chegou a derrota para o Pontevedra CF unha vez máis, a domicilio. E é que o cadro granate segue sen saber o que é gañar fóra de Pasarón despois de caer este sábado ante un efectivo Mérida que fixo dano ao contragolpe. 

Foi o día en que Antonio Fernández apostou por Valen no once inicial e foi tamén o día no que o Pontevedra tivo nas súas botas a primeira ocasión do encontro, chegando con rapidez ao campo rival e sacando un centro que terminou índose pola liña de banda. Parecía, de feito, que os granates tiñan claro ao que viaxaran a Mérida e protagonizaron outra chegada cun centro chute de Yelko Pino que aterrou nas mans de Javi Montoya.

Pero a ocasión máis clara do partido foi para o cadro local. Sacou en longo o gardameta, Copete habilitou á dereita a Felipe Alfonso e este entrou na área sacando un disparo que Álvaro Cortés non conseguiu blocar e deixou o balón morto na área obrigando a un compañeiro para despexar.

Co paso dos minutos cobrou protagonismo o xogo do Pontevedra, que conseguía a posesión, abría ás bandas e sacaba algún que outro centro con algo de perigo. Con todo era o Mérida o que tiña maior facilidade á hora de chegar a portería rival, apostando por un xogo rápido e directo ao contragolpe.

E finalmente, de tanto insistir o Mérida conseguiu o seu ansiado premio. Corría o minuto 27 e tentouno primeiro Carlos Tinta con potente chute, rexeitou Álvaro Cortés e apareceu Dani Sandoval desde segunda liña para, sen oposición, enviar ao interior da rede granate e anotar o 1-0.

Os granates envorcáronse en devolver a igualdade ao marcador antes de chegar ao descanso da forma na que saben facelo, pero non tiveron fortuna. A ocasión máis clara foi tras unha parede ao bordo da área, balón a Ángel Bastos e centro cara a Charles, que non puido chegar a rematar e viu como o balón enviaba a córner Bonaqué.

Tras o paso polos vestiarios moveu ficha Antonio no banco. Deu entrada a Brais Abelenda e Calvillo pero o guion seguía sen cambiar a favor do Pontevedra. Se avisou cun par de chegadas nada máis comezar a segunda metade, pero ata aí chegou todo.

De feito, os granates gozaron dunha falta que en principio era perigosa. O balón deu na barreira e o Mérida montou unha contra de libro. Arrincou Artiles en banza esquerda e en dous toques habilitou a Larrubia, que se plantou diante de Álvaro Cortés e bateuno con moito sangue frío para aumentar a vantaxe no luminoso.

O Pontevedra tratou de reaccionar ao tanto local e a punto estivo de chegar cunha falta que meteu Yelko na área e que tocou os xusto un defensor para enviar a córner. Tamén Rufo, no desconto, acariñou o gol, pero Javi Montoya encargouse de desbaratar a opción cun auténtico paradón.

Seguen os de Antonio Fernández sen coñecer a vitoria a domicilio esta tempada e suma uns novo tropezóns ante un equipo que os batiu ao contragolpe.

AD MÉRIDA (2): Javi Montoya, Álvaro Ramón, Bonaqué, Nacho González, Felipe Alfonso, Luís Acosta, Álex Meléndez (Busi, min. 86), Dani Sandoval (Artiles, min. 61), Larrubia (Kamal, min. 86), Carlos Cinta (Fran Viñuela) e Nando Copete (Lolo Plá, min. 61).

PONTEVEDRA CF (0): Álvaro Cortés, Ángel Bastos, Churre, Miguel Román (Mario Ortiz, min. 73), David Soto, Álex González, Yelko Pino, Alberto Rubio (Guèye, min. 76), Charles (Rufo, min. 65), Jon Bakero (Brais Abelenda, min. 45) e Valen (Oier Calvillo, min. 45).

Goles: 1-0, Dani Sandoval (min. 27). 2-0, Larrubia (min. 76)

Incidencias: Partido correspondente á xornada seis de Primeira RFEF disputado no Romano José Fouto de Mérida ante aproximadamente 2000 espectadores.